Xosé Merelles salienta a aposta da Xunta por consolidar Galicia como destino turístico sustentable e diversificado

O director de Turismo de Galicia participa na inauguración do III Encontro Nacional de Pueblos Mágicos de España que se celebra en Cambados

Cambados (Pontevedra), 27 de outubro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na inauguración do III Encontro Nacional de Pueblos Mágicos de España que se celebra en Cambados, onde puxo de manifesto a aposta do Goberno autonómico por consolidar Galicia como destino turístico sustentable e diversificado.

 

Como explicou, para a Xunta de Galicia o turismo é un elemento “imprescindible e necesario” para o desenvolvemento das economías locais polo que, desde hai anos, mantén unha aposta por distribuír a oferta turística nos distintos concellos galegos. “Queremos extender os beneficios que a actividade turística supón por todo o territorio, pero tamén queremos ofrecer así un turismo diversificado, con propostas en distintos lugares de Galicia, de maneira que poidamos repartir a chegada de visitantes”.

 

Puxo como exemplo algunhas iniciativas en marcha, como as distintas liñas de axudas que están a contribuir a impulsar e mellorar os recursos turísticos de concellos pequenos, como as destinadas a mellorar infraestruturas turísticas, cun investimento de 3 M€ ou as destinadas a accións de embelecemento no Camiño de Santiago ou mesmo as novas axudas de embelecemento no litoral, por 2 M€.

 

“Medidas que nos axudan a poñer en valor os recursos turísticos dos nosos concellos e contribuír, así a reforzar o seu atractivo para que sexan máis os que queiran visitalo”, engadiu. Neste sentido, salientou tamén, o peso que destinos como os que forman parte dos Pueblos Mágicos, como Cambados, teñen á hora de acadalo e agradeceu á organización ter escollido Galicia para a súa reunión anual.

Data de actualización: 28/10/2023