O Sergas creará o “Código Fístula” para diminuír o tempo entre a trombose e a súa revascularización ante as complicacións que poidan xurdir nos pacientes en hemodiálise

O conselleiro de Sanidade inaugurou en Ourense o IX Congreso da Sociedade Galega de Nefroloxía

Comesaña tamén resaltou que, no caso dos pacientes con enfermidade renal crónica, incluirase a atención por parte de nutricionistas de atención primaria para aqueles que así o necesiten

En 2022, o Servizo Galego de Saúde realizou 151 transplantes de ril

Ourense, 27 de outubro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante a inauguración do IX Congreso da Sociedade Galega de Nefroloxía celebrado este venres en Ourense, confirmou a creación do Código Fístula por parte do Servizo Galego de Saúde. Con el, o Sergas deseña un modo de actuación ou vía rápida para diminuír o tempo entre a trombose e a súa revascularización, por mor das complicacións que poden xurdir nos pacientes que se atopan en hemodiálise e sofren a trombose da fístula arterio-venosa.

Durante as súas palabras, Comesaña quixo “recoñecer o compromiso e liderado da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras porque conformaron o grupo inicial desde o que se desenvolveu todo este proxecto, que se transferirá ao resto de Galicia”. A área ourensá encabezou tanto o deseño do Código Fístula como a elaboración do Proceso Asistencial Integrado (PAI) da Enfermidade Renal Crónica (ERC) que inclúe un algoritmo co que detectar precozmente a enfermidade.

No que respecta a transplantes, o Sergas alcanzou no ano 2022 a cifra de 128 doantes de órganos, o que propiciou que se realizasen 296 transplantes nos hospitais galegos. En canto á especialidade da nefroloxía, 151 foron transplantes de ril, mentres que en 2021 os transplantes deste órgano foran 140.

Extensión da teleasistencia

Na liña de facilitar a asistencia sanitaria aos pacientes, o Sergas promove a ferramenta TELEA de teleasistencia a domicilio e fai un seguimento diario a máis de 9.000 pacientes crónicos. Deles, en canto á nefroloxía, a plataforma TELEA emprégase actualmente na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte con 12 persoas que dispoñen de diálise domiciliaria, con seguimento automatizado conectado ao propio equipo de diálise. Así, está previsto estender esta atención a domicilio ao resto das áreas sanitarias galegas e a todos os equipos de diálise conectables.

Igualmente, as sete área sanitarias teñen habilitada a e-interconsulta ao Servizo de Nefroloxía coa que, entre outras cousas, reducir as derivacións hospitalarias ao mellorar a comunicación entre os profesionais de atención primaria e hospitalaria.       

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2023