Costa Rica e Uruguai visitan o Parque Nacional das Illas Atlánticas para intercambiar experiencias no coidado das áreas protexidas e establecer sinerxías

Unha delegación dos gobernos de ambos países pasou seis días en Galicia no marco dun proxecto de intercambio de formación e información financiado pola UE

O obxectivo é impulsar melloras no deseño e posta en marcha das súas políticas públicas en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030

Durante a súa estadía, coñeceron os catro arquipélagos, analizaron experiencias de boas prácticas en turismo sostible, coñeceron os plans de emerxencia e de xestión do espazo natural e participaron en accións educativas e de eliminación de alóctonas
 

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2023

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia recibiu a semana pasada a visita dunha delegación dos Gobernos de Costa Rica e Uruguai co obxectivo de intercambiar experiencias de boas prácticas no coidado de áreas protexidas, incluídas zonas mariñas, e sentar as bases para establecer futuras sinerxías e vías de colaboración neste eido.

No marco dun proxecto de intercambio de formación e información financiado pola UE para o fortalecemento das zonas amparadas baixo algún tipo de protección de España, Costa Rica e Uruguai, representantes do Ministerio de Ambiente e Enerxía costarriqueño e do Ministerio de Medio Ambiente uruguaio estiveron 6 días na Comunidade para coñecer a fondo as Illas Atlánticas e o traballo que está a realizar nelas a Xunta co fin de garantir a protección da súa riqueza e diversidade natural e o seu uso e desfrute público.

O obxectivo da visita, coordinada polo Organismo Autónomo de Parques Nacionais e mais pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, é impulsar melloras no deseño e implementación de políticas públicas nestes países americanos que vaian en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados por Nacións Unidas para cumprir coas metas da Axenda 2030.

A tal fin, a delegación suramericana puido coñecer durante a súa estadía en Galicia os catro arquipélagos que integran o Parque Nacional —Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada— e analizaron as principais experiencias de boas prácticas que se están a levar a cabo nos mesmos en materias como o desenvolvemento sostible ou o turismo verde.

En concreto, mantiveron reunións de traballo con persoal do Parque Nacional e co seu director-conservador, José Antonio Fernández-Bouzas, durante as que, entre outras cuestións, analizaron os sistemas de emerxencia (Camgal) e o Plan reitor de uso e xestión (PRUX) deste espazo natural, así como o dispositivo de control de accesos posto en marcha pola Xunta para controlar a afluencia ás illas durante a tempada alta e garantir así que se respecta o cupo máximo de visitantes establecido para cada época.

Así mesmo, tamén tiveron ocasión de asistir e participar nalgunha actividade educativa realizada nas propias illas e comprobaron sobre o terreo os resultados visibles dos programas para a erradicación de especies alóctonas que se están a desenvolver no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Neste sentido, abordaron con especial interese os primeiros avances acadados no marco do proxecto europeo transnacional Life Insular, no que participan Cíes, Ons e Sálvora desde o ano pasado e que inclúe, precisamente, accións para a mellora da estrutura e funcionalidade de dous tipos de hábitats propios destas illas a través da eliminación e control, mediante métodos manuais, de especies exóticas invasoras de flora.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/10/2023