O conselleiro do Mar visita a nova edición deste foro gastronómico na cidade das Burgas

A Xunta celebra en Ourense o II Foro Galicia sabe amar que anima a consumir produtos do mar para mellorar a saúde e o benestar da poboación

O conselleiro do Mar reclamou a rebaixa do IVE aos produtos pesqueiros en liña co realizado este ano con outros alimentos

Ourense, 27 de outubro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, visitou acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, o II foro GALICIA SABE AMAR que remata hoxe en Expourense. Alí manifestou a importancia de poñer en valor os produtos do mar e a súa promoción tamén no interior de Galicia así como enxalzou as propiedades gastronómicas e nutricionais dos alimentos pesqueiros.

O titular de Mar volveu a reclamar ao goberno do Estado a rebaixa do IVE a estes alimentos de xeito similar ao aplicado a outros este mesmo ano. Unha demanda na que a Xunta acompaña ao propio sector e que leva solicitándose dende fai case dous anos sen éxito, o que supón unha desvantaxe competitiva para a actividade pesqueira e a comercialización dos seus produtos.

No evento participaron profesionais do mundo da hostalaría, formadores, investigadores e emprendedores co obxectivo de destacar os produtos do mar de Galicia, e os seus atributos culinarios e nutritivos así como compartir experiencias para avanzar na súa comercialización. Na cita tamén se realizaron degustacións da man de prestixiosos chefs como Julio Sotomayor (restaurante Nova de Ourense), Lydia del Olmo e  Xosé Magalhaes (restaurante Ceive de Ourense) ambos recoñecidos cunha estrela Michelín entre outros.

Trátase do segundo dos cinco foros previstos dentro da campaña desenvolvida pola Consellería do Mar para animar á cidadanía a consumir peixe e mariscos, impulsar a súa venda e poñer en valor o labor dos mariñeiros e pescadores. As vindeiras edicións visitarán as cidades galegas da Coruña, Lugo e Santiago de Compostela.

Campañas como a de GALICIA SABE AMAR súmase a outras máis específicas como ‘Fai click ao teu bocata’, ‘Ti si que es un bo peixe’ ou ‘Vai de peixe’ para promocionar o consumo de produtos do mar en todas as idades e por todas as vías, redes sociais incluídas. Tamén hai que engadir a labor que se fai a través da marca de calidade ‘pescadeRías, de onde se non?’ e campañas para publicitar produtos de tempada como o bonito do norte.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 27/10/2023