A Xunta pon en valor a colaboración con Acougo por preto de 112.000 € para impulsar a conciliación e a corresponsabilidade no seo das familias acolledoras

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, participou esta mañá na Cidade da Cultura nunha xornada de sensibilización organizada pola Asociación galega de familias de acollida no marco deste convenio
 

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, participou esta mañá na xornada de sensibilización organizada pola Asociación galega de familias de acollida (Acougo) no marco dun convenio de colaboración coa Xunta que supón preto de 112.000 euros de investimento público. En concreto, mediante o convenio poranse en marcha actividades como a de hoxe, co gallo de que constitúan recursos para favorecer a conciliación nestas familias con menores de 16 anos.

En concreto, a xornada celebrada hoxe na Cidade da Cultura busca vincular o acollemento familiar coa corresponsabilidade, aumentando a participación dos homes nos coidados. Tamén xerar interese en materia de protección de menores, corresponsabilidade e igualdade, con especial atención á concienciación dos máis pequenos.  

Nesa liña, a secretaria xeral puxo en valor os tres grupos de actuacións contemplados no convenio con Acougo: para o respiro familiar e conciliación, para a formación sobre corresponsabilidade dentro do acollemento familiar e para a sensiblización e concienciación xeral sobre a necesidade da corresponsabilidade.

En concreto, no primeiro apartado, recóllense prestacións por parte da Asociación galega de familias de acollida como a posta en marcha dun servizo de canguraxe para estas familias, visitas entre irmáns e irmás que viven separados, fins de semana infantís e xuvenís para a conciliación familiar ou un campamento de verán para estes menores.

No segundo grupo, está incluído un clube lectura sobre acollemento familiar, coidados, corresponsabilidade e coparentalidade; elaboraranse recursos corresponsables no acollemento familiar; formarase en corresponsabilidade e igualdade aos menores nos centros de protección de Galicia e ás persoas extuteladas pola Administración e levarase a cabo un curso sobre corresponsabilidade e coidados destinado principalmente a homes.

Por último, na terceira área, realizarase unha convivencia de fin de semana con familias en acollemento familiar arredor da temática da corresponsabilidade e dos coidados, celebrase unha xornada de talleres, charlas e coloquios para as familias acolledoras e de orixe e tamén distintas actividades culturais como contacontos. 

Precisamente os contacontos sobre os diferentes tipos de familias da sociedade actual terán un oco na xornada de hoxe, así como dous clubes de lectura (para persoas mozas e para familias) e actividades de conciliación infantil e adolescente. Tamén haberá unha charla sobre o acollemento familiar, cos obxectivos de informar e de apoiar ás persoas implicadas nestes procesos.

Data de actualización: 28/10/2023