Cetmar emprende un novo proxecto no Perú para incentivar o consumo de produtos do mar e mellorar a seguridade alimentaria da poboación de Sechura

A acción, financiada pola Xunta de Galicia, incide na formación e sensibilización de técnicos, cidadáns e comunidade educativa sobre a importancia dunha nutrición saudable

Un equipo do Centro Tecnolóxico do Mar viaxa ao país peruano a primeira semana de novembro para participar en reunións institucionais e en actividades formativas e de cociña en vivo

Vigo, 29 de outubro de 2023

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, está a traballar no Perú na mellora da seguridade alimentaria e nutricional da poboación, a través dun proxecto que incentiva o consumo de produtos do mar e incide na importancia dunha dieta saudable.

Financiada pola Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia, a acción desenvólvese na Baía de Sechura, na rexión peruana de Piura, e ven dar continuidade ás actividades desenvolvidas pola institución galega nesta zona do Perú en proxectos anteriores, no marco do Memorando de Entendemento subscrito no seu día entre o Ministerio de la Producción del Perú e a Xunta de Galicia.

Nesta ocasión, a través do proxecto SAN Perú, Cetmar ofrece formación a técnicos, así como no ámbito familiar e educativo, sobre o consumo apropiado dos produtos hidrobiolóxicos e a súa introdución nunha dieta rica en nutrientes e proteínas.

O traballo con 46 axentes comunitarios céntrase en fortalecer as súas capacidades sobre nutrición saudable en base aos devanditos produtos, de modo que posteriormente poidan formar e sensibilizar a súa vez á poboación sechurana neste aspecto. A formación esténdese despois a mais dun cento de familias e a 64 docentes de oito centros escolares coa finalidade de transmitir estes coñecementos a 500 nenas e nenos do distrito de Sechura. 

O obxectivo destas accións é mellorar o aproveitamento dos produtos do mar, que non son habituais na dieta dos fogares nin no almorzo que os nenos e nenas levan á escola, e sensibilizar así á comunidade educativa sobre a importancia e os beneficios do seu consumo.

Para elo desenvólvense actividades de cociña en vivo, que permiten mostrar receitas elaboradas con produtos hidrobiolóxicos para ser empregadas nos fogares, e elabóranse e propóñense menús escolares que inclúan produtos do mar. O proxecto prevé ademais visitas a empresas de cultivo e procesamento deste tipo de produtos, como a que 50 alumnos de Sechura realizaron xa á compañía Seacorp.

A través da posta en valor dos produtos do mar, o proxecto SAN PERÚ serve ademais para dignificar a actividade pesqueira, mellorando o concepto que a poboación escolar ten sobre ela, así como para a formación das mulleres, principais responsables da alimentación no ámbito familiar, tanto en nutrición saudable como en igualdade de xénero.

Ademais do desenvolvemento e posta en marcha dos programas de formación e sensibilización para técnicos, docentes e familias, e da elaboración de materiais informativos e menús escolares, o proxecto contempla un intercambio de experiencias entre a Consellería do Mar da Xunta de Galicia e o programa nacional “A Comer Pescado” do Ministerio de la Producción de Perú.

As actividades do proxecto SAN PERÚ, desenvolvido ao longo de 2023 e que terá continuidade ata marzo de 2024, enmárcanse dentro da Axenda de Seguridade Alimentaria que xorde do proxecto Sechura Recupera, no que CETMAR participou con anterioridade como colaborador.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/10/2023