Rivo pon en valor ante empresarios de Ourense as posibilidades que ofrece o programa Retorna Cualifica Emprego para cubrir as súas vacantes laborais

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe nun foro sobre este programa da Estratexia Galicia Retorna organizado pola Confederación Empresarial de Ourense e pola Fundación Nortempo

No acto destacou que a Xunta seguirá a impulsar no marco dos orzamentos de 2024 o retorno dos galegos residentes no exterior co gallo de atallar a falta de man de obra en distintos sectores económicos ao tempo que se fixa poboación no rural

Ourense, 27 de outubro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participou hoxe nun foro sobre o Programa Retorna Cualifica Emprego organizado pola Confederación Empresarial de Ourense (CEO) e pola Fundación Nortempo, entidade colaboradora para o seu desenvolvemento. Alí, destacou que a Xunta seguirá a impulsar -no marco dos orzamentos do seu departamento para 2024- o retorno dos galegos residentes no exterior, proporcionándolles facilidades para formarse ou traballar. Ata o momento, destacou, xa están traballando de volta a Galicia máis dun cento de persoas.

Esta aposta busca que as persoas interesadas poidan volver a Galicia cun contrato estable, conectando os seus perfís con vacantes laborais de sectores con necesidades de man de obra como a construción, o transporte, a hostalaría ou a tecnoloxía. Así, ao tempo que se cobre esta demanda, contribúese a fixar poboación, especialmente en zonas do rural. 

En concreto, o programa inclúe accións formativas para a adquisición de capacidades relacionadas co posto que se vai ocupar, ao que se incorporarán cun contrato indefinido. Tamén se sufragarán os gastos de traslado e concédese unha axuda de 1.300 euros para o inicio da vida na nosa Comunidade, de xeito individual ou coa familia.

Nese senso, cabe destacar que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinará en 2024 un total de 232 millóns de euros á área de Formación para o Emprego e Orientación. Dentro deste orzamento, seguirase a desenvolver o Programa Retorna Cualifica Emprego, que se complementará cun proxecto piloto de arraigamento para a formación de persoas que chegaron a Galicia con necesidades de traballar, desenvolvido en colaboración con distintas organizacións non gobernamentais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2023