Rivo despide dúas novas promocións dos obradoiros de Celanova e Bande que se formaron en albanelería, atención a dependentes e conservación de montes

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, clausurou os obradoiros duais ‘Terra de benestar’ e ‘O noso camiño’ que implicaron a once concellos da provincia de Ourense

Amosou o seu convencemento de que con estas accións, financiadas pola Xunta, estase a dinamizar a economía local e a brindar máis e mellores oportunidades ás persoas desempregadas en sectores con demanda de man de obra

Bande, 27 de outubro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, clausurou hoxe en Bande e Celanova os obradoiros duais de emprego Terra de benestar e O noso camiño, nos que se formaron 40 persoas en especialidades demandadas polo mercado laboral como atención sociosanitaria a dependentes, albanelería ou conservación de montes.

A Xunta de Galicia investiu, por unha banda, máis de medio millón de euros na formación de 20 persoas desempregadas no obradoiro San Rosendo, o noso camiño, que implicou a tres concellos: Bande, Lobeira e Lobios. Rivo entregou os diplomas aos alumnos que se especializaron en operacións auxiliares de albanelería de fábricas cubertas e en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.

Grazas a esta actuación, financiada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, rehabilitáronse lavadoiros, fontes e fornos nos tres concellos e contribuiuse a revalorizar tramos do Camiño.

O obradoiro Terra de benestar, desenvolvido pola Mancomunidade Terra de Celanova, contou coa participación de oito concellos: Cartelle, A Merca, Gomesende, Ramirás, Pontedeva, Celanova, Quintela de Leirado e Verea. Os participantes, neste caso, recibiron os seus diplomas da conselleira Rivo, acompañada no acto polo delegado territorial en Ourense, Gabriel Alén, por rematar a formación en materia de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais.

Tal e como destacou a conselleira, estes obradoiros brindan unha vinculación real entre o alumnado e o mundo laboral, dando novas oportunidades a empresas e traballadores formados no eido dos coidados sociosanitarios, por tratarse dun mercado en crecemento no que respecta á oferta de bens e servizos dirixidos a unha poboación cada vez máis envellecida.

Os obradoiros duais de emprego son ferramentas fundamentais para dotar á nosa poboación de formación de calidade, ao tempo que se desenvolve un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social.

A Xunta de Galicia está a destinar na convocatoria 2023-2024 case 40 millóns de euros a organizar obradoiros por toda Galicia, o que permitirá beneficiar máis de 1.400 persoas sen emprego.  

Data de actualización: 27/10/2023