A Xunta executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de varios regos no concello de Padrón

Estes traballos están levándose a cabo en treitos interurbanos dos regos de Tarrío, de Avelenda, de Castrelo e nun rego innominado, nunha lonxitude de preto de 5 km

Estas intervencións enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos

Augas de Galicia continúa a traballar na mellora dos leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza en treitos interurbanos do rego de Tarrío, no rego de Avelenda, no rego Castrelo, e nun rego innominado ao seu paso polo concello de Padrón.

Estes traballos está a iniciarse polo do rego de Tarrío e enmárcanse nas actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial significativo de inundacións.

As actuacións que se están a desenvolver nestes regos suman unha lonxitude que rolda os 5 quilómetros, nos seus percorridos por distintos lugares do municipio coruñés.

As tarefas céntranse na roza puntual e selectiva e na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.

Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa no ámbito territorial da zona Galicia-centro e nas súas zonas de acceso e protección.

Estas intervencións da Xunta contribúen á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e o uso social na contorna dos ríos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2023