A Xunta alleará 44 lotes de madeira por valor de 1,31 millóns de euros nunha poxa pública en Ourense

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria da poxa para o vindeiro 15 de decembro

Un total de 29 destes lotes contan coa certificación forestal sostible PEFC, mentres que 14 dispoñen dese mesmo selo e o de FSC, os dous sistemas de certificación máis implantados a nivel mundial

Os licitadores realizarán os trámites por vía telemática, a través dunha plataforma dixital habilitada para tal fin ou pola web da sede da Xunta

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria dun alleamento de madeiras en Ourense, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, nunha poxa pública electrónica que terá lugar na Delegación Territorial da Xunta na provincia ourensá.

Nesta poxa, adxudicaranse 44 lotes cun valor total de 1.310.202,92 euros, dos cales 29 contan con certificación forestal sostible PEFC e 14 dispoñen da dobre certificación, PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación máis implantados no mundo. Case todos os lotes, pertencen a comunidades de montes veciñais en man común que teñen convenios ou consorcios de xestión forestal coa Consellería do Medio Rural.

As empresas que opten aos lotes deben ter un certificado de cadea de custodia, que garante a trazabilidade da madeira. A certificación forestal sostible asegura que a xestión dos bosques de onde procede a madeira é respectuosa co medio ambiente, mentres cumpre con outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.

Os lotes suman máis de 63.000 metros cúbicos de madeira de coníferas, unha pequena porción de eucalipto branco e chopo negro. Ademais, é toda verde e será vendida baixo os sistemas de risco e ventura e a resultas de liquidación final.

Ao igual que en poxas electrónicas anteriores, os licitadores realizarán os trámites de forma telemática, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Para seguir todo o proceso, disporán dunha sala virtual creada para tal fin.

Plataforma de consulta

Os interesados en poxar por algún destes lotes dispoñen dunha plataforma desenvolvida pola Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para consultalos e obter información sobre as súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio. Ademais, este espazo tamén permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato PDF os planos ou descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles, para localizar facilmente as superficies arboradas obxecto de poxas públicas.

 

Por outra banda, os licitadores terán que presentar as súas ofertas económicas a través da sede electrónica da Xunta, apoiándose nun videotitorial elaborado para axudar nesta situación.

Fomento do sector forestal

A Xunta mantén o seu compromiso para seguir traballando a prol do sector forestal, construíndo ferramentas dixitais que faciliten a súa actividade económica, dentro dunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.

Neste contexto, o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- é clave, seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” -Building back better-.

Enlace á publicación do DOG:

Data de actualización: 27/10/2023