A Xunta convoca as axudas á conciliación, transporte, manutención e aloxamento para facilitar a asistencia a cursos para unhas 16.100 persoas desempregadas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases para acceder a estas bolsas, que crecen na convocatoria 2023-2024 nun 9% (+ 800.000 €), ata chegar aos 9,3 millóns de euros, para facilitar a participación de persoas sen emprego nas formacións
 

A iniciativa inclúe apoios de asistencia para persoas con discapacidade, vítimas de violencia de xénero, integrantes de familias numerosas ou monoparentais
 

Como novidade, increméntase ata os 20 euros a contía máxima diaria de axuda de transporte en vehículo propio, con respecto aos 15 euros da anterior edición
 

Un total de 16.600 persoas beneficiáronse ata o de agora destes apoios na convocatoria 2022-2023, que aínda non rematou
 

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria das axudas directas para apoiar a participación de persoas desempregadas nos cursos para o emprego que está a impulsar o Goberno galego. Así, o orzamento para a edición 2023-2024 destas bolsas de apoio, que inclúe financiamento para os gastos de desprazamento, manutención, aloxamento e conciliación, crece un 9,3% con respecto á convocatoria anterior, ata chegar aos máis de 9,3 millóns de euros. Son 800.000 euros máis que en 2022-2023.

As solicitudes deberán presentarse no prazo dun mes desde a incorporación á acción formativa ou desde que teña lugar o feito causante da axuda. Polo tanto, o período que abrangue o prazo de solicitudes para esta convocatoria será para as accións formativas que se inicien entre o 1 de novembro de 2023 e o 30 de novembro de 2024.

Con esta iniciativa, coa que se estima que se poidan beneficiar máis de 16.100 persoas sen emprego, a Administración autonómica galega concederá bolsas de asistencia a colectivos prioritarios que presentan especiais dificultades para a súa inserción laboral. Así, outorgará achegas de 9 euros por día de clase ao alumnado con polo menos o 33%  de discapacidade; a integrantes de familias numerosas ou de carácter monoparental e ás persoas que participen nun itinerario personalizado de inserción. Estas bolsas ascenderán a 10 euros por día para as vítimas da violencia de xénero que tomen parte nas accións (inclúense as vítimas de violencia vicaria ou dixital).

O Goberno galego quere apoiar tamén a asistencia de persoas que teñan ao seu coidado fillas ou fillos, menores de 12 anos en acollida e/ou familiares con dependencia ata o segundo grado, ás que outorgará unha contía igual ao 75%  do Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (Iprem) diario que estea vixente, para facilitar a súa conciliación.

Como novidade nesta convocatoria, auméntase ata os 20 euros a contía máxima diaria de axuda de transporte en vehículo propio con respecto aos 15 euros da anterior edición (0,19€ quilómetro/día); e -ao igual que en anteriores ocasións- concederanse achegas para o uso do transporte público urbano ou interurbano (1,5€/día); de manutención (12€/día) se a distancia do domicilio supera os 20 quilómetros; e para aloxamento e manutención de ata 50 euros por día tanto para domicilios que disten 100 quilómetros ou máis ou nos que se careza de servizo de transporte que permita o traslado a diario. 

O obxectivo desta acción non é outro que o de facilitar a asistencia do alumnado aos cursos e, polo tanto, mellorar a súa cualificación para que aumenten as súas oportunidades laborais.

Na anterior convocatoria, 2022-2023, un total de 16.600 personas resultaron ata o de agora beneficiarias destas bolsas, xa que a resolución aínda non se pechou. A Xunta leva investidos desde 2015 máis de 62,3 millóns de euros a esta iniciativa.  

Ligazón á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231027/AnuncioG0656-161023-0001_gl.html

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/10/2023