A Xunta detecta novos casos de aves silvestres afectadas por gripe aviaria en Ribeira e Porto do Son

A detección realizouse no marco do Plan de vixilancia que desenvolve a Xunta e non vai afectar á valoración favorable do risco respecto á influenza aviaria que recentemente realizou o Goberno central

Con estes dous novos, son oito en total os focos notificados na nosa comunidade no presente ano 2023, correspondendo sete a gaivotas e un a un exemplar de palleira parasita
 

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección de cinco exemplares de aves silvestres afectados por influenza aviaria, confirmados polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).

Trátase de exemplares de gaivota patiamarela (un no concello de Ribeira e catro no de Porto do Son), atopados algúns mortos e outros con sintomatoloxía clínica. Trasladadas ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Oleiros, as aves foron mostrexadas para proceder á análise laboratorial, eliminándose posteriormente os cadáveres conforme á normativa vixente. Con estes dous novos, son oito en total os focos notificados na nosa comunidade no presente ano 2023, correspondendo sete a gaivotas e un a un exemplar de palleira parasita. Desde o pasado mes de maio non se detectara ningún caso en Galicia.

A notificación deste foco, ao afectar exclusivamente a aves silvestres, non implica cambios no status sanitario de Galicia en relación á influenza aviaria, nin supón ningunha restrición ou medida adicional ao comercio de aves vivas e produtos derivados orixinarios da comunidade autónoma.

 
Valoración de risco favorable

Na data actual, a valoración de risco de aparición de influenza aviaria continúa a ser favorable, ao non ter comezado aínda o período de baixas temperaturas, máis favorables á circulación dos virus influenza, así como non estar aínda no período de maior chegada de aves migratorias silvestres posibles portadoras do virus.

 

Isto levou o pasado mes de maio, por parte do MAPA, ao levantamento de diversas prohibicións e obrigas en determinados concellos, manténdose unicamente en Galicia certas medidas nos sete municipios da provincia de Pontevedra que pertencen á Zona de Especial Risco (Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo e Vilanova de Arousa).

Porén, dada a importancia do sector avícola na nosa comunidade, cómpre continuar coas medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, tanto comerciais como particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais.

 

Lémbrase de novo que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, aínda que por un principio de bioseguridade básica, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais.

Data de actualización: 26/10/2023