A Xunta impulsará en 2024 o turismo termal con axudas para reforzar a oferta e as infraestruturas

O director de Turismo de Galicia e o delegado territorial da Xunta en Ourense participan na inaugración do 74º Congreso Internacional de Hidroterapia

Xosé Merelles salienta que se prevé incluír esta medida no Plan de Sustentabilidade Turística Destino de Vilas Termais e Cascos Históricos con fondos europeos

Ourense, 26 de outubro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou hoxe o papel que a Xunta de Galicia outorgará en 2024 ao turismo termal, coa posta en marcha de axudas específicas que reforzarán a oferta e as infraestruturas.

Xosé Merelles fixo estas declaracións na inauguración do 74º Congreso Internacional da Federación Mundial de Hidroterapia e Climatoteria que se está a celebrar en Ourense e que contou coa presenza do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Como explicou, esta medida enmárcase no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino Vilas Termais e Cascos históricos que se executará a partir de 2024 ao abeiro dos fondos europeos Next Generation. “Na convocatoria dos fondos europeos o Goberno galego escolleu como área de traballo para o próximo ano o termalismo moi conscientes do seu potencial e as posibilidades de futuro e de impulso para as economías locais”

Deste xeito, como explicou, esta medida dá continuidade ao traballo emprendido nos últimos anos para poñer aproveitar a capacidade desdestacionalizadora do termalismo “un dos obxectivos do noso modelo turístico”, cunha oferta, engadiu, que supón o 20% de toda España e que ofrece preto de 3.000 prazas de aloxamento. “Un aloxamento termal que, ademais, destaca pola súa calidade, porque Galicia ocupa a primeira posición de España en canto ao número de balnearios don Q de Calidade”, expresou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/10/2023