A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, abordará a constitución deste ente, acordado no mes de xullo, cos representantes dos municipios de Pontevedra, Vilaboa, Bueu, Marín, Poio, Sanxenxo e Ponte Caldelas

A Xunta convoca o 6 de novembro aos concellos da área de Pontevedra para avaliar os avances dos trámites municipais de cara á constitución dun ente para a xestión do abastecemento en cogobernanza

O obxectivo da reunión, que se celebrará na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, é avaliar o estado desa tramitación, unha vez comunicado desde a Xunta o 2 de agosto o inicio dos trámites para a configuración do futuro ente supramunicipal

Os municipios comprometéranse a iniciar antes de outubro nos respectivos plenos o trámite para unha concesión de 1.000 l/s, que é a mesma capacidade que ten a estación de tratamento de auga potable de Pontevedra

A creación deste ente resolverá a situación de alegalidade na que se atopa a captación de auga dos ríos Lérez e Rons e a inexistencia dunha comunidade de usuarios que garanta a participación de todos os municipios que se abastecen deste sistema

Para xestionar dun xeito eficiente eventuais episodios de escaseza é preciso coñecer a auga que se capta en todo momento e a distribución e o consumo nos distintos concellos

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023

A Xunta convocou para o luns 6 de novembro unha nova reunión cos Concellos da área de Pontevedra co fin de avaliar os avances dos trámites municipais realizados de cara á constitución dun ente para a xestión do abastecemento de auga en cogobernanza.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, manterá un encontro con representantes dos municipios de Pontevedra, Vilaboa, Bueu, Marín, Poio, Sanxenxo e Ponte Caldelas, ao que tamén está convocado Acuaes.

O obxectivo desta reunión, que terá lugar na Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra, é avaliar o estado da tramitación, unha vez comunicado desde a Xunta o 2 de agosto o inicio dos trámites para a configuración do futuro ente supramunicipal.

A Xunta vén apoiando de xeito técnico aos concellos da área de Pontevedra nesta materia desde o 28 de xullo, cando se acordou impulsar esta entidade para xestionar o sistema de abastecemento que capta nos ríos Lérez e Rons.

Naquela xuntanza acordouse que cada un dos municipios iniciaría antes de outubro, nos respectivos plenos, o trámite para unha concesión de 1.000 l/s, que é a mesma capacidade que ten a estación de tratamento de auga potable de Pontevedra. Para isto, e co obxectivo de facilitar a tramitación, Augas de Galicia remitiu aos Concellos un borrador de solicitude de concesión.

Neste sentido, transcorrido o período de tempo sinalado, a Xunta reunirase cos Concellos para avaliar a punto no que se atopan os ditos trámites municipais.

A creación deste ente contribuirá a resolver a actual situación de alegalidade da captación de auga e a inexistencia dunha comunidade de usuarios que garanta a participación de todos os municipios que se abastecen do sistema de Pontevedra.

Cómpre lembrar que o Concello de Pontevedra ten unha concesión de captación de auga que non está regularizada e tamén abastece a outros municipios. As instalacións son de titularidade estatal, pese a que Aquaes lle cedeu a súa operatividade de mantemento ao Concello co fin de que este garantise a subministración ao resto dos municipios e constituíse un ente supramunicipal para asegurar a cogobernanza, un compromiso que pendente de materialización.

Ademais, os eventuais episodios de escaseza de auga fan imprescindible coñecer a auga que se capta en todo momento e tamén a distribución e o consumo de auga nos distintos concellos.

Data de actualización: 26/10/2023