A Xunta inviste máis de 70.000 euros no Deza-Tabeirós para implantar medidas de dixitalización en establecementos turísticos de restauración

O delegado territorial visitou o restaurante O Refuxio de Merza, en Vila de Cruces, que recibiu 10.000 euros para modernizar o sistema de comandas

Reguera aproveitou a visita para lembrar que este venres arranca a campaña do bono turístico que espera mobilizar 2.5 millóns de euros en toda Galicia

Vila de Cruces, 26 de outubro de 2023

A Xunta, a través Turismo de Galicia, investiu máis de 70,000 euros en axudas para a modernización e implantación de medidas de dixitalización dos establecementos turísticos de restauración no Deza-Tabeirós. A maiores a subvención contempla tamén axudas para os aloxamentos turísticos.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá un dos máis de 200 establecementos de toda Galicia beneficiados por estas axudas. O restaurante escollido foi O Refuxio de Merza, situado en Vila de Cruces que puido instalar un sistema de automatización e dixitalización das comandas grazas a un aporte da Xunta de máis de 11.000 euros.

Neste sentido, Reguera quixo destacar a importancia destas actuacións que permiten “mellorar os servizos que prestamos ás persoas que confían en Galicia para pasar as súas vacacións”. Ademais, o delegado lembrou que “esta comunidade autónoma xa é un referente de calidade turística polos servizos que ofrece, pola contorna, pola calidade dos seus produtos e pola propia personalidade dos galegos e galegas, pero temos que seguir traballando para manter a excelencia que nos caracteriza”.

Para todo isto Turismo de Galicia apoia os establecementos hostaleiros cunhas subvención que deixaron na provincia de Pontevedra preto de 320.000 euros.

BONO TURÍSTICO

O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar que este venres , día 29, ás 9.00 horas, arrancará a campaña do Bono Turístico para os usuarios, xa que se abre o prazo para descargar un dos 10.000 bonos que se porán en circulación por valor de 100€ con descontos do 40% nos establecementos de aloxamento turístico adheridos.

Cada bono, que se pode conseguir na web bonoturismo.gal, ten un saldo de 100 euros que se irá descontando a medida que se utilicen os descontos. O obxectivo desta medida e axudar a desestacionalizar o turismo na comunidade autónoma e axudar a este sector.

Os interesados poderán utilizar este bono, que espera mobilizar ata 2.5 millóns de euros, ata que rematen os seu saldo, ata o 25 de decembro.

“Temos o exemplo recente do Bono Comercio que tivo un resultado moi positivo e creemos que este bono turístico tamén será unha importante axuda para os aloxamentos turísticos e un aliciente para todos aqueles que precisen dun pequeno empurrón para visitar cada recuncho de Galicia”, concluíu o delegado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/10/2023