A Xunta publica no DOG a aprobación da 2ª ampliación do crédito para a transformación das frotas do transporte de viaxeiros e mercadorías, sumando un investimento total de 29,5 M€

Os máis de 9 M€ desta nova ampliación do crédito permitirá atender ás máis de 1.200 solicitudes de axudas presentadas, ou ás novas que se demanden

As actividades con máis solicitudes recibidas son o achatarramento, que antes desta ampliación esgotou o crédito; e a adquisición de novos vehículos de enerxías alternativas, na que xa se outorgaron máis de 4 M€, aproximadamente o 75% do crédito inicial

Tamén se inclúen no obxecto destas axudas a modificación da forma de propulsión de vehículos, a implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos e a adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias

O obxectivo destes incentivos é favorecer a xeración de emprego indirecto en fabricación de vehículos e incidir na diminución de emisións de gases de efecto invernadoiro

O prazo de solicitudes destas axudas estará aberto ata o 30 de abril de 2024, agás as destinadas á implantación de puntos de recarga de vehículos eléctricos, que rematará o 31 de decembro deste ano

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de publicar hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a orde da segunda ampliación en máis de 9 M€ do crédito das axudas para a transformación das frotas de vehículos de transporte de viaxeiros e mercadorías por estrada. Con esta ampliación de crédito, a Xunta sumará un investimento total de 29,5 M€ mobilizado nestas axudas.

A publicación hoxe no DOG permitirá atender ás máis de 1.200 solicitudes presentadas desde o inicio da convocatoria, en abril do pasado ano, así como a aquelas que se demanden. 

Esta iniciativa da Xunta vai dirixida a cinco liñas de actuación, entre elas, o achatarramento de vehículos e a adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono.

No marco destas axudas, tamén se contemplan incentivos para a modificación da forma de propulsión de vehículos, a implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos ou a adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse esta información:

En relación ás solicitudes recibidas ata o momento, as actividades con máis solicitudes son o achatarramento, que antes desta ampliación acadou o límite do seu crédito; e a adquisición de novos vehículos con enerxías baixas en carbono, na que xa se outorgaron máis de 4 M€, aproximadamente o 75% do crédito inicial.

O obxectivo desta iniciativa da Xunta é favorecer a xeración de emprego indirecto en fabricación de vehículos e contribuír á diminución de emisións de gases de efecto invernadoiro.

O prazo de solicitude das axudas mantense ata o día 30 de abril de 2024, agás as axudas destinadas á implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, que finalizará o 31 de decembro deste 2023.

As persoas interesadas en solicitar estas axudas, poden consultar toda a información da convocatoria no seguinte enlace.

Estas medidas impulsadas pola departamento de Infraestruturas da Xunta enmárcanse no Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-Next Generation EU, xestionado polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Data de actualización: 26/10/2023