Rueda anuncia que a Xunta destinará 5 M€ en 2024 a implantar a gratuidade no transporte público autonómico para os maiores de 65 anos

Destaca que poderán viaxar de balde nas 3.500 “liñas de autobús da Xunta, no barco da ría de Vigo e no FEVE de Ferrol”

Resalta que se trata de estender aos maiores unha gratuidade da que xa se benefician “máis de 160.000 mozos e mozas” grazas a tarxeta Xente Nova

Explica que nun primeiro momento esta medida vaise aplicar a través da Tarxeta de Mobilidade de Galicia, que xa teñen máis de 52.700 maiores de 65 anos, e no futuro mediante o Carné +65

A medida súmase a outras bonificacións do Plan de transporte público, como as que supón a tarxeta TMG, que van do 10 % de desconto ata o 50 % coa recorrencia

Cómpre lembrar que, desde setembro de 2022, a Xunta vén aplicando un desconto do 50 % sobre as tarifas do autobús e do barco xa bonificadas
 

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, adiantou hoxe que o Goberno autonómico destinará 5 millóns de euros o próximo ano a implantar a gratuidade no transporte público autonómico para os maiores de 65 anos que se aplicará desde o 1 de xaneiro.

Rueda enmarca esta medida no reforzo que está a realizar a Xunta por reforzar a atención aos maiores como un sector de poboación esencial para Galicia. Cómpre destacar que nunha comunidade cunha dispersión xeográfica como a galega, o transporte público é moitas veces a única vía de acceso que teñen os maiores á sanidade pública, ás xestións administrativas ou aos centros de lecer.

O presidente explicou que a gratuidade aplicarase nas 3.500 liñas “de transporte interurbano da Xunta; no transporte da ría de Vigo”, concretamente nas conexións con Cangas e con Moaña, e “nos servizos do antigo Feve na comarca de Ferrol”.

Tal e como explicou o obxectivo é aplicar a gratuidade da que xa desfrutan “máis de 160.000 mozos e mozas galegos” a través da tarxeta Xente Nova aos maiores de 65 anos.

Rueda explicou que o Consello iniciou os trámites para, nunha primeira fase, aplicar esta gratuidade a través da Tarxeta de Mobilidade Galega (TMG) que xa teñen 52.720 maiores de 65 anos. O obxectivo é que posteriormente os beneficiarios poidan viaxar de balde grazas ao Carne +65, impulsado pola Consellería de Política Social e Xuventude e que incluirá descontos aos maiores en establecementos ou servizos.

Aposta polo transporte público

A nova medida autorizada hoxe polo Consello da Xunta súmase aos incentivos que activou o Goberno galego no marco da súa aposta polo transporte público.

O Plan de transporte público de Galicia conta, así, cun completo sistema de bonificacións a través da Tarxeta de mobilidade de Galicia, da cal dispoñen actualmente 592.061 usuarios. Este dispositivo permite acceder a un desconto mínimo do 10 % sobre o prezo do billete, que pode acadar o 25 % ou o 50 %, segundo a recorrencia.

Tamén está en marcha desde setembro de 2022 un desconto do 50 % sobre as tarifas xa bonificadas, financiado maioritariamente pola Xunta de Galicia.

Ademais, preto de 160.000 menores de 21 anos xa viaxan de balde no autobús autonómico grazas á tarxeta Xente Nova, cunha media mensual de aforro neste ano de case 800.000 €.

Desde a implantación deste incentivo en 2016, os rapaces e rapazas que usan este dispositivo efectuaron máis de 19 millóns de viaxes gratuítas, cun aforro de máis de 24 M€.

Nos 9 primeiros meses deste ano, rexistráronse 4,4 millóns de viaxes gratis e uns aforros por máis de 7 M€.

Plan de transporte público de Galicia

O Plan de transporte público de Galicia, posto en marcha pola Xunta, permitiu ampliar a cobertura territorial do autobús interurbano na Comunidade. Así, as liñas pasaron de 900 a 3.570; as paraxes, de 20.000 a 55.000; e os servizos anuais, de 1,48 millóns a 2,35 millóns.

O Plan posibilitou que actualmente preto do 91 % da poboación teña unha paraxe de autobús de competencia autonómica a unha distancia inferior ou igual a 500 metros, fronte ao 73,6 % no ano 2016.

Tamén aproveita as prazas baleiras do transporte escolar, o que favorecen a mobilidade, especialmente, nas contornas rurais e, en concreto, para a poboación de máis idade. Cabe salientar que cada ano máis de 710.000 viaxeiros utilizan estas prazas baleiras do autobús escolar.

Como medida complementaria, o Plan de transporte público de Galicia tamén inclúe a modalidade baixo demanda, coa cal os usuarios poden solicitar por vía telefónica ou telemática servizos de autobús en calquera das localidades en que estea dispoñible.

As persoas usuarias de transporte público autonómico poderán consultar na páxina web https://www.bus.gal/gl todos os servizos de autobús ao paso por cada concello, cos correspondentes horarios e rutas.

 
 
 


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/10/2023