A Xunta activará un servizo pioneiro de asesoramento técnico para promover en Galicia iniciativas públicas e privadas de adaptación ao cambio climático

Rueda resalta que especialistas en diferentes áreas asesorarán sobre medidas ou proxectos para adaptarse ao quecemento global

Salienta que estará activo “a inicios do ano que vén” e que resolverá dúbidas “vía telemática ou por teléfono” a concellos e ás empresas ou entidades que forman parte da Alianza galega polo clima

Cun horizonte temporal de 5 anos, de 2024 a 2029, e un orzamento global de case 1,3 M€, o servizo enmárcase no obxectivo de avanzar cara a unha Galicia climaticamente neutra, sostible e con máis resiliencia

Entre as súas principais liñas de acción estará fomentar a colaboración público-privada, implicar de modo máis activo aos concellos, buscar vías de financiamento, impulsar a innovación verde e asesorar no deseño e redacción de novas medidas
 

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que a Xunta activará “un servizo pioneiro” para asesorar tanto a entidades públicas coma privadas “sobre medidas ou proxectos para adaptarse aos efectos do cambio climático”. Tal e como explicou, o Consello acordou hoxe a posta en marcha desta iniciativa, Galicia resiliente, “a comezos de 2024”, coa que se consolidará a posición da comunidade como rexión líder e referente no eido da loita contra o quecemento global.

O obxectivo da Xunta é que Galicia acade a neutralidade climática, entendida como o equilibrio entre as emisións e as absorcións de gases de efecto invernadoiro derivadas da actividade humana. Así o recolleu na Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 (EGCCE 2050), en liña co establecido no Acordo de París, aprobado no marco do Cumio do clima de Nación Unidas 2015.

Con este contexto e obxectivo principal, a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda decidiu impulsar a posta en marcha de Galicia resiliente, concibido como un innovador e completo servizo de asesoramento que actúe como facilitador de actuacións para o fomento e impulso de diferentes medidas de adaptación ao cambio climático dentro da Comunidade.

Cun horizonte temporal fixado en 5 anos, de febreiro de 2024 a xaneiro de 2029, a iniciativa contará neste período cun orzamento de case 1,3 millóns de euros para cumprir coa súa misión de avanzar cara a unha Comunidade sostible, baixa en emisións e con maior resiliencia ante os efectos do quecemento global.

O peso do servizo recaerá sobre un equipo integrado por profesionais de perfil técnico —enxeñeiros, arquitectos, graduados en dereito, ciencias políticas, xestión e administración pública ou titulacións análogas— e especializados en diferentes áreas de interese para o cumprimento dos obxectivos anteriormente sinalados.

Tal e como explicou Rueda, estes expertos orientarán “tanto aos 313 concellos galegos” coma ás “entidades ou empresas privadas que forman parte da Alianza galega polo clima. Este servizo de información e asesoramento “será gratuíto e farase vía telemática ou por teléfono”.

O novo servizo terá cinco liñas de acción estratéxicas. En primeiro lugar e partindo da importancia da colaboración público-privada para que Galicia siga liderando a acción ante o cambio climático, asesorarase aos actores da Alianza na promoción de iniciativas colaborativas de mellora da resiliencia e de diminución dos seus efectos, e incentivarase a implicación dos concellos galegos na posta en marcha de accións a nivel local, no marco dos seus propios Plans de acción de clima e enerxía sostible (Pace).

Así mesmo, ofrecerá apoio e orientación na busca de vías de financiamento para levar a cabo accións de adaptación ao cambio climático promovidas tanto por entidades locais como polos membros da Alianza. Ademais, tamén axudará a aproveitar as oportunidades que ofrece en materia de innovación verde o programa da Misión de adaptación da UE, como rede de intercambio para promover accións de I+D+i no eido do cambio climático, e por último, prestará asesoramento técnico no deseño e redacción de programas, políticas ou accións aliñadas cos principios inspiradores da EGCCE 2050.

Referente a nivel nacional e europeo

Cómpre lembrar que esta nova iniciativa no eido do cambio climático enmárcase e virá complementar outras xa en marcha na Comunidade, cun funcionamento consolidado e que teñen convertido a Galicia nun referente na materia, a nivel nacional e europeo.

En concreto, Rueda resaltou o Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía, impulsado pola Comisión Europea e coordinado en Galicia pola Xunta desde finais do ano 2017, cun balance de 285 concellos adheridos e que contan xa cos seus respectivos PACEs aprobados; a Alianza galega polo clima, que en xuño cumpriu un ano de funcionamento como ferramenta para o fomento das sinerxías público-privadas neste eido e suma ata o momento 89 socios; ou a Misión de adaptación ao cambio climático da UE, da que forma parte Galicia como unha das rexións escollidas pola Comisión Europea para facela máis resistente ao cambio climático no horizonte do ano 2030 pola vía da investigación, a innovación e o impulso do traballo en rede.

De feito, o novo servizo de asesoramento da Xunta en materia de cambio climático irá especialmente dirixido a aquelas administracións, empresas e axentes sociais que xa teñen demostrado a súa implicación e compromiso neste eido a través da súa participación activa nalgunha das iniciativas anteriores, pero tamén estará aberto, por exemplo, a brindar apoio e orientación a aqueles concellos que aínda non forman parte do Pacto das alcaldías, co fin de fomentar así novas adhesións.

En definitiva, coa posta en marcha de Galicia Resiliente preténdese que a Comunidade siga sendo unha rexión líder na acción climática impulsando un servizo pioneiro de asesoramento técnico e especializado, facilitador de actuacións de fomento e impulso de medidas de adaptación ao cambio climático en todo o territorio galego.


Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/10/2023