O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades comparece ante a Comisión 3ª do Parlamento para explicar as contas do seu departamento para o próximo ano

Román Rodríguez destaca un novo impulso transformador ás políticas educativas e culturais de Galicia cun orzamento de preto de 3.000 M €, o máis alto da historia por cuarto ano consecutivo

Asegura que con estas contas, que medran un 2,8%, a Xunta blinda o seu modelo a prol duns servizos públicos “de calidade, equitativos e inclusivos”

A primeira das medidas, que entrará en vigor o 1 de xaneiro, serán as incluídas no “acordo histórico” de mellora da calidade educativa asinado cos sindicatos

Anuncia que Galicia será a primeira comunidade en retomar os procesos ordinarios de oposicións docentes, mantendo así a taxa de interinidade máis baixa do Estado

Os fondos para FP suben máis do 47%, un crecemento acumulado que en dous anos duplica os recursos dispoñibles para este eido estratéxico

As achegas ás universidades superan por primeira vez os 500M€, co obxectivo de acadar o 1% do PIB de recursos públicos, e medra a investigación un 16%

Afiánzase o Plan Xeración Cultura como eixe vertebrador de todas as accións neste ámbito e lánzase novas liñas de apoio a creadores e para atracción de rodaxes

No ámbito da normalización lingüística, inclúense accións para os novos retos da intelixencia artificial e a tecnoloxía a través do Proxecto Nós

A partida para o patrimonio cultural medra un 7%

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xestionará o vindeiro ano uns orzamentos de preto de 3.000M€, a partida máis alta da historia por cuarto ano consecutivo neste ámbito, o que permitirá un novo impulso transformador ás políticas públicas destas áreas en Galicia.

Así o salientou hoxe o conselleiro Román Rodríguez ante a Comisión 3ª do Parlamento, onde debullou as contas do seu departamento para o próximo ano, que ascenden a 2.977M€, o que supón un incremento do 2,8% (81,2M€) con respecto ás de 2023.

Con esta importante partida orzamentaria, “Galicia blinda o seu modelo educativo e a súa cultura e promove o poder de transformación da innovación, o talento e a creación de oportunidades, desde un prisma de equidade e apoio aos máis vulnerables”, asegurou o conselleiro, quen cualificou estas contas de “cribles, estratéxicas e orientadas ao futuro”. Trátase, por tanto, da xestión “responsable e coherente” de recursos para fortalecer “uns servizos públicos de calidade, equitativos e inclusivos”, abondou.

Seguindo esta liña, unha das primeiras medidas, que se aplicará xa a partir do 1 de xaneiro, é o acordo de mellora da calidade educativa recen acadado coas organizacións sindicais en temas como rateos, apoio ao alumnado con necesidades educativas especiais, horario lectivo, mellora da carreira profesional ou redución da burocracia. “Un acordo de país, histórico e transcendente para a sustentabilidade e a seguranza do noso modelo educativo na vindeira década”, explicou Román Rodríguez, quen lembrou que a Xunta leva investidos más de 13.900M€ nesta lexislatura en educación e cultura.

A meirande parte do orzamento da Consellería absórbea o ámbito educativo, coa xestión de 2.847,4M€ enfocados, prioritariamente á xestión dos recursos humanos, ás infraestruturas e servizos, ao impulso de proxectos educativos e ao apoio ás familias.

14.000 docentes novos desde 2016

Así pois, no que atinxe ao plantel docente, Galicia avanza na súa renovación e, de feito, será a primeira comunidade autónoma en retomar en 2024 os procesos ordinarios de Oferta de Emprego Público, mantendo así a taxa de interinidade máis baixa do país, cun 2% estrutural fronte ao 25% de media española. Isto é posible porque desde 2016, a Xunta incorporou 14.072 novos docentes ao sistema, coa renovación dun 46,25%.

As contas de 2024 blindan tamén o apoio a servizos educativos como é o transporte escolar, cun investimento de 123,1M€ entre a Consellería de Educación e a de Mobilidade para atender os 80.000 alumnos de preto de 4.000 rutas. Na práctica, isto supón que a Xunta “inviste cada día lectivo máis de 700.000 € en transporte escolar, unha cifra que -dixo o conselleiro- se eleva ata máis de 1M€ ao día se incluímos o servizo de comedor”.

Máis apoio ás familias

Neste senso, o conselleiro ratificou as medidas de apoio ás familias galegas ante o contexto inflacionista como é a suba do 19% para o servizo do comedor escolar (cunha partida de máis de 60M€) ou máis axudas para libros e material escolar.

As contas da Consellería permitirán, así mesmo, afondar en accións estratéxicas no eido da dixitalización (equipamentos dixitais, Polos Creativos e a aplicación da intelixencia artificial co proxecto Edugalia) e nas actividades de formación do profesorado, cunha especial atención ás accións previstas no Plan integral contra o acoso e o ciberacoso. 

Obras en centros educativos

Doutra banda, en 2024 completarase o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica cunha partida de 65,7M€ que permitirán, entre outros, a construción do novo Colexio CEIP de Milladoiro (Ames), do Instituto IES de Navia (Vigo), e ampliacións e rehabilitación de centros como os institutos IES Pedras Rubias (Salceda de Caselas), Losada Diéguez (A Estrada), Aquis Celenis (Caldas de Reis), Valle-Inclán (Pontevedra), Lucus Augusti (Lugo) ou Mar de Fóra (Fisterra), dos colexios CEIP Agro do Muíño (Ames) e CPI As Mirandas (Ares) ou do Centro Integrado de FP Bouza Brey (Vilagarcía de Arousa).

Precisamente, Román Rodríguez referiuse ao impulso estratéxico da Formación Profesional galega, cunha partida de 28,7M€ “o que representa un crecemento do 47,1%, que acumulado ao crecemento de 2023, duplica en dous anos os recursos dispoñibles”. Isto permitirá seguir o desenvolvemento de distintas accións como o Plan Conecta FP, o Plan de linguas e internacionalización ou acreditación de competencias profesionais.

Nova acción para atraer investigadores

O orzamento da Consellería para as universidades garantirá a implantación do Plan Galego de Financiamento Universitario 2022-26, que se atopa no seu ecuador. Neste apartado, Román Rodríguez sinalou que as tres universidades públicas galegas van acadar por primeira vez máis de 500M€ en achegas da Xunta, o que nos acerca ao obxectivo de ser a primeira comunidade autónoma cun 1% do PIB en recursos públicos.

Así mesmo, salientou o incremento no programa de investigación universitaria, cunha suba do 16% ata acadar os 104,1M€, e o apoio á carreira investigadora coa posta en marcha dunha nova acción para a atracción de investigadores de máis alto nivel que están fóra e que pasen a formar parte dos centros de investigación universitarios.

Máis de 100M€ en cultura e patrimonio

“Galicia tamén vai da man do poder transformador da cultura e o patrimonio”, asegurou Román Rodríguez na súa intervención ao explicar os orzamentos específicos destes ámbitos que son “elementos de cohesión social, que nos identifican e que xeran emprego e riqueza”, expresou o conselleiro ante a Comisión 3ª do Parlamento.

As contas para o vindeiro ano conteñen unha partida de 105M€ para a cultura, que volve medrar, e no que o Plan Xeración Cultura exerce de eixo vertebrador das iniciativas que impulsen e consoliden os sectores vinculados ás industrias creativas e vencelladas aos valores patrimoniais. Neste apartado, o conselleiro puxo en valor “o noso modelo de cultura integradora, baseado na universalidade e a accesibilidade” como así quedará blindado na futura Lei de cultura inclusiva e accesible como garantía do dereito ao seu pleno acceso por parte da cidadanía. Ao abeiro da mesma, Román Rodríguez avanzou a creación do Observatorio da cultura inclusiva e accesible na nosa Comunidade.

Videoxogos, escena ou lectura

Na súa intervención, o conselleiro fixo especial fincapé na Axencia Galega das Industrias Culturais, cun orzamento de 17,1M€ para desenvolver accións específicas tanto no que atinxe ao fomento da creación como a parte de difusión. En concreto, referiuse á nova convocatoria do fondo de atracción de rodaxes, dotado con dous millóns de euros “para conseguir un impacto económico de en torno a 20M€”, e ao novo proxecto Territorio Escena. Tamén informou dunha nova convocatoria das axudas a videoxogos e da consolidación de todas as liñas xa existentes ata o de agora.  

No eido do sector do libro, cun investimento de 2,5M€, a Consellería traballa na posta en marcha do Plan de dinamización da lectura de Galicia e no reforzo do programa de internacionalización e dixitalización do sector do libro. Doutra banda, o titular do departamento de Cultura da Xunta avanzou unha liña estratéxica de apoio ao fomento e dinamización da cultura cunha dotación de 5M€ para entidades e asociacións e a posta en marcha do Circuíto de Cultura Popular e e a continuación do apoio aos museos, bibliotecas e arquivos con accións específicas.

No eido da normalización lingüística, o orzamento medra e supera a barreira dos 11M€, o que permitirá afrontar os novos retos en eidos como a intelixencia artificial e a tecnoloxía. De feito, o Proxecto Nós absorbe as principais novidades neste ámbito, no que será necesaria unha campaña de recompilación de voz en toda a Comunidade.

Canto á Fundación Cidade da Cultura, contará cun orzamento de 14,9M€ que permitirá afianzarse como un dos grandes dinamizadores do sector cultural en Galicia, avanzar no novo Centro das Artes Dixitais e apoiar aos xoves creadores emerxentes.

Finalmente, no que atinxe ao patrimonio cultural, xestionaranse 10,4M€, partida que medra un 7% con respecto ao presente exercicio. A través disto, continuarase desenvolvendo os plans enfocados as catedrais e Ribeira Sacra e remataranse actuacións de conservación en museos, mosteiros e outros bens.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/10/2023