A Xunta activa unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral da Coruña e Pontevedra

Agárdase vento do oeste ou suroeste de forza 8 e mar combinada con ondas de ata 7 metros

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar para esta tarde unha alerta laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico por ventos comezará a partir das 18,00 horas e afectará a toda a costa da Coruña e ás Rías Baixas de Pontevedra. Agárdase vento do oeste ou suroeste de forza 7, que pode chegar a forza 8 entre Ortegal e Bares, así como mar combinada do oeste ou noroeste con ondas de ata 7 metros. No resto do litoral galego, a alerta será de nivel amarelo por ventos do suroeste forza 7 e ondas de ata 5 metros.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Data de actualización: 26/10/2023