A Xunta proporá ás organizacións sindicais aprobar unha Oferta de Emprego Público para este ano con máis de 600 prazas de acceso libre

O conselleiro de Facenda e Administración Pública compareceu hoxe na Comisión 3ª do Parlamento para explicar as contas do seu departamento

Explicou que o obxectivo dos orzamentos de 2024 é investir en estabilidade, investir nas persoas e investir no futuro

Miguel Corgos destacou que as contas do vindeiro ano ascenden a 13.257 M€, as máis altas da historia

Por primeira vez en 16 anos non recorrerán ao endebedamento

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2023 A Xunta de Galicia vai propoñer ás organizacións sindicais a aprobación dunha Oferta de Emprego Público (OEP) para 2023 con máis de 600 prazas de acceso libre no eido da Administración Xeral.

A estas prazas poderán acceder aqueles mozos e mozas que cumpran os requisitos esixidos nas correspondentes convocatorias e que queiran acceder a un posto de alta calidade na Administración galega. A isto hai que engadir as prazas de promoción interna e as de funcionarización co que en total, a oferta deste ano superará as 900 prazas de emprego público.

Así o explicou esta maña o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, na súa comparecencia en comisión parlamentaria para explicar o proxecto de Lei de Orzamentos para 2024 e as contas da súa consellería onde subliñou que os obxectivos dos orzamentos do vindeiro ano son: investir en estabilidade, investir nas persoas e investir no futuro.

Para isto, a Xunta acaba de elaborar un orzamento que ascende a 13.257 millóns de euros, o máis alto da historia, que garante o crecemento estable; consolida todas a rebaixas de impostos en vigor e inclúe novos incentivos fiscais; reforza o gasto social e os investimentos e todo iso sen recorrer ao endebedamento por primeira vez en 16 anos.

Máis gasto social

O conselleiro explicou que estes presupostos reforzan un ano máis tanto o gasto social tradicional (sanidade, educación e políticas sociais) como o gasto para o fomento do emprego. Así, as contas inclúen o maior gasto social da historia de Galicia que ascende a 9.774 millóns de euros para sanidade, ensino, políticas sociais e emprego. Son 1.234 millóns máis que hai tres anos.

Por departamentos, o maior incremento prodúcese na Consellería de Sanidade con 218,6 M€ máis; a continuación sitúase a Consellería de Política Social e Xuventude cun aumento de 128,1 M€; e logo a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades cun incremento de 81,7 millóns de euros.

Por tanto, as tres consellerías que acaparan a maioría do gasto social concentran máis do 78 % do incremento do orzamento das Consellerías. Dito doutra maneira, case catro de cada cinco euros de aumento orzamentario van destinados a Sanidade, Educación e Políticas Sociais.

Política fiscal e novas rebaixas de impostos

En materia de política fiscal, Miguel Corgos explicou que a Xunta conta cun modelo propio e previsible, que inclúe rebaixas tributarias que priorizan cada ano ás rendas medias e baixas e con colectivos prioritarios. Os orzamentos do ano que vén consolidarán todas as rebaixas fiscais postas en marcha ata o momento.

Como novidades, na declaración do IRPF do ano 2023, que se fai no 2024, as familias con dous fillos xa poderán deducir 250 €, que ata agora tiñan as familias numerosas de categoría xeral. Ademais, mellórase a de familias numerosas e así, por cada fillo a maiores, a partir de dous, esta dedución se incrementa noutros 250 €, duplicando o seu importe para as de 3 fillos ata os 500 €.

En canto ao Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP), o vindeiro ano rebáixase un punto o tipo xeral para a compra de inmobles usados (pasa do 9 % ao 8 %), que se suma a outro punto que xa se baixara no ano 2022; rebáixase máis da metade o ITP para a compra de vehículos usados (do 8 ao 3 %), e elimínase o imposto para as compras de vehículos cualificados de ‘baixas emisións’.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/10/2023