Así o explicou no Pleno do Parlamento o conselleiro do Medio Rural, en resposta a unha pregunta sobre este tema

Galicia ten mecanismos solventes e rigorosos como Contaláctea para acreditar os custos de produción no sector lácteo

Segundo José González, isto significa que se dispón de datos representativos que poden usarse nas negociacións sobre prezos entre gandeiros e compradores de leite

O titular de Medio Rural defendeu que a Xunta fixo os seus deberes coa creación desta aplicación informática, fronte á inacción do Goberno central, que deixou como “papel mollado” a Lei da cadea alimentaria ao non poder acreditarse eses custos

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023

Galicia conta con mecanismos que acreditan de xeito fiable os custos de produción no sector lácteo. Isto significa que se dispón de datos representativos que poden usarse nas negociacións sobre prezos entre gandeiros e compradores de leite. Así o aseverou hoxe o conselleiro de Medio Rural, José González, en resposta a unha pregunta sobre este tema no Pleno do Parlamento.

O conselleiro explicou que precisamente a Xunta creou a aplicación informática Contaláctea -e no sector cárnico Contacarne- co fin de ter un mecanismo totalmente solvente e rigoroso para o cálculo dos custos de produción. Algo que, engadiu, fixo o Goberno galego pero que non levou a cabo o Goberno central.

Venda a perdas

Isto fixo que a prohibición de venda a perdas recollida na Lei da cadea alimentaria quedara en “papel mollado”, pois non se dispón deses mecanismos efectivos para acreditar, de xeito fidedigno, a existencia desa situación anómala. Neste sentido, José González lembrou que a Xunta tivo como obxectivo conseguir que nesta norma estatal se integrasen estas aplicacións informáticas como un dos seus mecanismos que acrediten os custos de produción.

Ademais, o conselleiro debullou as razóns que levaron ao Goberno galego a deseñar estes instrumentos. Así, sinalou que o primeiro motivo foi a necesidade de dispoñer dun mecanismo uniforme para meter os datos para acreditar os custos de produción. En segundo termo, porque era preciso un mecanismo solvente desde o punto de vista técnico e que, ademais, cumpra a normativa de contabilidade a nivel nacional. En terceiro lugar, porque se necesita unha mostra significativa de gandeiros para poder emitir informes de custos de produción por rangos de tamaño, xa que non se pode ir a cada gandeiro por separado, remarcou González. Como conclusión, o conselleiro subliñou que todos estes requisitos os teñen tanto Contaláctea como Contacarne.

A maiores, o titular de Medio Rural trasladou que, para facilitar aos gandeiros o traballo, o que fixo a Xunta foi subvencionar aos usuarios destas plataformas. Creáronse así os “usuarios profesionais” e subvencionáronse as entidades de aconsellamento para que os propios sindicatos agrarios favorecesen a introdución deses datos, buscando unha mostra representativa.

Data de actualización: 25/10/2023