O conselleiro do Mar compareceu no Parlamento para abordar a situación da actividade

A Xunta tende a man ao sector marisqueiro para contribuír a paliar a baixa produtividade deste ano e promover unha explotación máis rendible no futuro

Alfonso Villares destaca o diálogo aberto que se mantén coas confrarías e produtores de Noia e a Ría de Arousa para articular medidas que sexan froito do consenso

Enxalza o traballo dos centros científicos de referencia en Galicia a favor de dotar de coñecemento e bases sólidas para a toma de decisións a todas as partes implicadas

O titular de Mar defende as accións en materia de saneamento das rías e rexeneración dos bancos marisqueiros para elevar a calidade da auga na que se crían os moluscos
 

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, subliñou hoxe no Parlamento que a Xunta está embarcada xunto co sector marisqueiro galego nun diálogo construtivo co fin de analizar polo miúdo a súa situación ante as irregulares campañas deste ano e tomar as medidas que sexan necesarias para contribuír a paliar a situación de baixa produtividade actual en areas como Noia ou a Ría de Arousa e promover unha explotación dos recursos máis sustentable de rendible no futuro.

O titular de Mar sinalou en resposta a unha pregunta sobre a posición da Xunta ante a situación dos bancos marisqueiros que tanto el mesmo como os responsables das direccións xerais competentes se están a reunir coas confrarías e asociacións de produtores afectadas co fin de avaliar as actuacións necesarias que levar adiante.

Ante o Pleno da Cámara galega, Alfonso Villares argumentou que a evolución da produción marisqueira na comunidade non é lineal, e experimenta subas e baixas en distintos anos, similares a dentes de serra. O ano pasado, cunha produción de 7.500 toneladas, acadáronse niveis inferiores á media histórica dos últimos 20 anos e, sen embargo, pola evolución á alza das cotizacións a facturación, por riba dos 71 millóns de euros, superou con creces o promedio.

Recoñeceu o titular de Mar os episodios de choivas intensas do pasado inverno, onde as precipitacións mesmo chegaron a duplicar a media, comparables ás de exercicios onde tamén se produciron grandes temporais como 2016. Para coñecer o impacto do cambio climático nas rías galegas e os seus recursos, o conselleiro defendeu a actividade do Observatorio Costeiro de Galicia, do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar ou do Centro de investigacións Mariñas (CIMA). 

Estes centros de referencia a nivel europeo traballan agora en coordinación directa co sector da pesca, o marisqueo e a acuicultura a través de Redemar, a pioneira Rede entre o sector pesqueiro e os organismos científicos creada pola Xunta que está a permitir que se analice en profundidade a situación das diferentes rías.

Mentres se dialoga co sector marisqueiro as posibles solucións á baixa produtividade deste ano, o conselleiro apostou por continuar e reforzar o traballo de rexeneración dos bancos para que, no futuro, se atopen nas mellores condicións posibles para afrontar unha explotación que sexa sustentable á vez que rendible. 

Actuacións de rexeneración

O titular de Mar destacou o compromiso da Xunta co saneamento das rías e a rexeneración dos bancos marisqueiros. Así, na convocatoria de 2023 para proxectos colectivos de mellora das zonas de produción aprobáronse axudas para actuar sobre dous millóns e medio de m2, sementando case 13 millóns de unidades de ameixa. Entre 2009 e 2023 foron 372 proxectos por máis de 12 millóns de euros, aos que sumar outros 6 millóns de euros investidos en medio cento de accións impulsadas directamente pola Consellería.

Nos últimos 14 anos a Conselleria do Mar actuo sobre máis de 16 millóns de metros cadrados de bancos marisqueiros nos que se sementaron 250 millóns de unidades de cría de ameixa, un camiño polo que se vai a continuar co fin de aproveitar todo o potencial produtivo do sector. Neste período, a combinación de saneamento e rexeneración das rías galegas contribuíu a multiplicar por cinco as zonas de produción de moluscos con mellor calidade da auga, que pasaron a representar o 13,5%. As menos idóneas, en cambio, non paran de minguar ano tras ano. 

No caso concreto da Ría de Arousa, entre os anos 2017 e 2023 realizáronse un total de 95 proxectos de conservación e restauración por un importe de case 4 millóns de euros, o que permitiu realizar emendas do substrato mediante arados e aporte de áridos sobre un total de 2,6 millóns de m2 e sementar mais de 52 millóns de unidades de ameixa babosa. En Noia, durante o período do fondo FEMP que agora remata o seu percorrido, as axudas para a mellora dos bancos marisqueiros superaron os 3 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 25/10/2023