A Xunta reclama ao ministerio que a desexada nova especialidade de urxencias non supoña redución de prazas formativas de medicina de familia

O conselleiro de Sanidade pide ao Ministerio mudar a súa proposta de regulación da nova especialidade de Urxencias por non garantir o incremento do total de prazas formativas entre as dúas especialidades

Comesaña avanza que a Xunta “non admitirá” que a creación desta necesaria especialidade pretenda dotarse de prazas en detrimento da de Medicina de Familia

“O goberno central perde unha gran oportunidade de garantir que as prazas existentes de medicina de familia sirvan para nutrir a unha atención primaria necesitada de especialistas en toda España”, sinalou o conselleiro

A Xunta, dentro das súas competencias, cubriu o 100% das prazas acreditadas para formación de medicina de familia e lexislou a provisión por concurso de méritos para incentivar a cobertura destes profesionais nos centros de saúde

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, argumentou no Parlamento de Galicia os motivos polos que o borrador de Real Decreto para regular a nova especialidade de urxencias e emerxencias remitido polo Ministerio de Sanidade incide nos problemas de déficit de especialistas en medicina de familia.

Sen ter en conta ningunha das propostas feitas por comunidades autónomas de distintos signos políticos, incluída Galicia, o Goberno central propuxo unha formación común nos dous primeiros anos de especialidade para urxencias e para medicina de familia sen garantir a ampliación do número de prazas que se poderán ofertar. Deste xeito, non se soluciona o problema de remuda xeracional en atención primaria. Comesaña lembrou a defensa por parte de Galicia da creación desta nova especialidade, engadindo: “Consideramos que a segregación da formación destas dúas especialidades tería un impacto positivo na especialidade de medicina familiar e comunitaria, liberando prazas que actualmente son ocupadas polas persoas que queren traballar en urxencias. Pero, se non se incrementa a oferta total de prazas, podería parecer que a nova especialidade de urxencias pretende dotarse de prazas en detrimento da especialidade de medicina de familia”, explicou o conselleiro.

Ademais, o Goberno galego está convencido da necesidade científica da creación dunha especialidade propia para os urxenciólogos. Porén, no borrador de Real Decreto non queda claro que o período de formación común non se realice nos dispositivos de atención primaria, a pesar de que a proposta realizada polo Grupo de Traballo de Análise de Especialización da comisión de Recursos Humanos do propio Ministerio se sinalaba que esta especialidade contaría con estrutura formativa propia nos servizos de urxencias hospitalarias e emerxencias.

“Non imos admitir que as prazas que se incorporen na oferta da especialidade de urxencias sexan a costa de reducir as da especialidade de medicina familiar y comunitaria”, asegurou o conselleiro, que lamentou que o Ministerio de Sanidade “perda unha gran oportunidade de garantir que as prazas existentes sirvan para nutrir a unha atención primaria necesitada de especialistas en toda España”.

Comesaña lamentou que, mentres o Goberno de España siga sen avanzar na reforma da formación dos especialistas en medicina de familia, cuxa flexibilización estaba comprometida desde o ano 2018 tras acordo unánime do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde.

Ante a inacción do Goberno central sobre un problema que afecta ao conxunto de España, dentro das competencias autonómicas, a Xunta levou a cabo medidas para aumentar o número de especialistas en medicina de familia na sanidade pública galega. Desde 2009 aumentáronse nun 65% as prazas formativas acreditadas desta especialidade. Durante a súa intervención no Parlamento, Comesaña lembrou que “cubrimos o 100% das prazas acreditadas, sendo o dobre que no bipartito, cando non superaban o 70%”.

Igualmente, introducíronse melloras para o persoal que colabora na formación, aprobando un decreto que regula por primeira vez o estatuto do titor, ampliouse o número de centros de saúde que poden formar médicos de familia ata o máximo permitido.

O conselleiro fixo mención a que outro avance foi aprobar a Lei de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura na sanidade, que contou co voto en contra do PSOE e o BNG. Esta lei incentivou a cobertura de prazas de medicina de familia nos centros de saúde permitindo ofertalas sen oposición e mediante concurso de méritos. En desenvolvemento desta norma, o Sergas fixo xa dúas convocatorias que permitirán cubrir de xeito estable máis de 170 prazas de medicina de familia na atención primaria galega.

Data de actualización: 25/10/2023