A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade salienta no Parlamento o obxectivo de pechar o ano con 6 millóns de viaxes bonificadas co dispositivo, un millón máis que o ano pasado

Ethel Vázquez destaca que 160.000 menores de 21 anos viaxan gratis en transporte público coa tarxeta Xente Nova, que permitiu un aforro familiar de 7,1 M€ no que vai de ano

Vázquez Mourelle remarca a “acollida espectacular” que está a ter esta iniciativa autonómica, batendo récords no mes de xullo coa expedición de 4.209 tarxetas

Subliña que o Goberno galego destina un investimento anual de 9 M€ para garantir esta medida que posibilita un aforro medio ás familias que acada os 1.000 € anuais

Adianta que a Xunta está a traballar co obxectivo de que o vindeiro ano a aplicación ‘Xente Nova no móbil’ poida xa substituír a tarxeta física

Sinala que se está a impulsar a reserva anticipada de billetes e a mellora da información ao usuario, ante o aumento de demanda por mor das deficiencias do sistema ferroviario

Convida aos gobernos municipais das cidades que xestionan servizos de transporteburbano a facer tamén os seus buses gratis para menores de 21 anos

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe que 160.000 menores de 21 anos viaxan gratis no autobús interurbano coa tarxeta Xente Nova, que permitiu un aforro familiar de 7,1 M€ no que vai de ano.

 

A titular de Infraestruturas e Mobilidade salientou no Parlamento que o obxectivo da Xunta é pechar este ano con 6 millóns de viaxes bonificadas grazas ao emprego deste dispositivo, o que significaría un millón máis que o ano pasado.

 

Explicou que esta iniciativa autonómica está a ter unha “acollida espectacular”, batendo récords como no pasado mes de xullo, coa expedición de 4.209 tarxetas.

 

Lembrou que o Goberno galego destina un investimento anual de 9 M€ para materializar o funcionamento desta tarxeta que posibilita unha media de aforro para as familias que acada os 1.000 € anuais.

 

Destacou que esta iniciativa facilita os desprazamentos dos mozos aos seus lugares de estudo, ás ensinanzas non obrigatorias ou ao traballo, superando as barreiras entre a Galicia urbana e rural.

 

Avanzou que se segue traballando para mellorar esta prestación ao permitir o seu uso no móbil. Para isto, sinalou que desde o pasado 15 de setembro estase a desenvolver un proxecto piloto, que se prolongará ata mediados do vindeiro mes, aberto a 200 mozos dos concellos de Ferrol, Narón e Neda co que se comprobará a efectividade da mellora.

 

A nova aplicación ‘Xente Nova no móbil’, que está dispoñible tanto para os dispositivos Android como para Apple, eliminará a necesidade da tarxeta física, de ter saldo e da recarga no caixeiro.

 

Adiantou que o Goberno galego traballa co obxectivo de que o vindeiro ano a ‘Xente Nova no móbil’ poida xa substituír a tarxeta física.

 

Ademais, por mor do forte incremento de usuarios no autobús interurbano autonómico, debido ás bonificacións pero tamén á deficiencias do servizo ferroviario, a Xunta está a impulsar a reserva anticipada dos billetes e a mellora da información aos usuarios, en colaboración coas empresas concesionarias.

 

Na súa intervención, a conselleira convidou aos gobernos municipais das cidades que xestionan servizos de transporte urbano a facer tamén os seus buses gratis para menores de 21 anos.

 

Ademais, salientou que o Goberno galego segue a apostar con determinación polo transporte público, traballando en novos incentivos como os que se activarán o vindeiro 1 de xaneiro, cando se estenderá a gratuidade nos autobuses interurbanos autonómicos para os maiores de 65 anos, unha medida de gran relevancia social anunciada esta mañá polo presidente da Xunta no Pleno do Parlamento.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2023