A Xunta apoia a 34 empresas do sector turístico da área de Santiago con máis de 247.000 € para impulsar a súa dixitalización

O obxectivo das axudas é acompañar ás empresas turísticas no proceso de transformación dixital para mellorar a súa competitividade e adaptarse ás novas necesidades e tendencias

Ordes  (A Coruña), 20 de outubro de 2023

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez, visitaron o establecemento Casa Barreiro, un dos beneficiarios da orde de axudas para a promoción da dixitalización no sector turístico con contou cun investimento total de 1,5 millóns de euros para máis de 200 empresas de toda Galicia, dos cales máis de 247.000 destináronse a 34 empresas turísticas ubicadas na área de Santiago. Concretamente, o Hotel Casa Barreiro recibiu unha achega de máis de 10.000 euros

Trenor explicou que estes apoios teñen por obxecto promover o desenvolvemento tecnolóxico e o proceso de transformación dixital das empresas turísticas a través da incorporación de solucións dixitais aos seus establecementos, servizos e procesos, coa finalidade de mellorar a súa competitividade, adaptándose ás novas necesidades e tendencias do sector turístico.

O importe da subvención foi do 80 % do investimento subvencionable. A axuda máxima era de 12.000 euros. Os beneficiarios da área de Santiago foron empresas dos concellos de Ames, Arzúa, A Baña, Dodro, Melide, Ordes, Teo, Touro, Vedra, Padrón, O Pino e Santiago de Compostela.

As axudas enmárcanse na política turística da Xunta para promover a dixitalización entre o sector, como unha ferramenta clave para garantir a súa competitividade e sustentabilidade e que lles permite, ademais, ser eficientes nos procesos de xestión. A clave da transformación tecnolóxica é, ademais da infraestrutura dixital, o acceso a tecnoloxías como a nube, a ciberseguriade, sistemas de intelixencia artificial e análise masivo de datos.

axudas estaban destinadas a persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos hoteleiros, cámpings, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos; empresas de restauración (restaurantes, cafeterías e bares) e axencias de viaxes, que tiveran o seu domicilio fiscal en Galicia e que o tiveran inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia.

 

O delegado da Xunta explicou que estas axudas consideraron gastos subvencionables aqueles en que incorrese a persoa solicitante entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro, derivados da transformación dixital, da instalación de ferramentas de visualización, consulta e análise de datos, da Implementación de motores de reserva; da incorporación de sistemas e metodoloxías para reforzar a seguridade dos datos. Tamén inclúe gastos derivados da creación do produto e /ou comercialización do destino Galicia e desenvolvemento das TIC na xestión, promoción e comercialización da oferta turística.

Q de Calidade

Trenor referíuse tamén as axudas para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións a establecementos e servizos turísticos para a obtención e/ou mantemento da marca Q de Calidade Turística do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE), que tamén veñen de resolverse.

Concretamente, na área de Santiago recibiron apoios 21 empresas do sector turístico dos concellos de Arzúa, Melide, Ordes, Santa Comba e Santiago de Compostela por un importe de máis de 13.000 euros.

O obxectivo fundamental desta resolución é impulsar, promover e apoiar as iniciativas de calidade necesarias, para cumprir os exixentes estándares fixados polo Instituto para a Calidade Turística Española que considera o prestixio, a fiabilidade, a rigorosidade e a profesionalidade dos establecementos avaliados. Todo isto, para lles asegurar aos clientes a mellor experiencia turística posible. Deste xeito, Turismo de Galicia quere propiciar un marco favorable para a creación e o desenvolvemento de iniciativas turísticas de calidade, dado o peso do sector turístico no conxunto da economía da nosa comunidade autónoma que se reflicte no impulso das economías locais e na creación de emprego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2023