O delegado territorial visita as reformas feitas na Cofraría de Portonovo grazas a unha axuda da Xunta de 200.000 euros

A confraría mellorou o seu sistema de produción e distribución de xeo ás embarcacións e trasladou as oficinas ao edificio da lonxa

Esta liña de axudas destinadas a modernizar e mellorar as confrarías de Galicia deixaron na provincia de Pontevedra máis de 800.000 euros

Sanxenxo, 25 de outubro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Confraría de Pescadores de Portonovo, en Sanxenxo, unha das beneficiadas pola liña de axudas da Xunta para a modernización das infraestruturas dos portos pesqueiros, das lonxas e dos lugares de desembarque.

En total esta confraría recibiu preto de 200.000 euros. Deste total, 180.000 euros foron empregados para a renovación do seu sistema de creación de xeo e a instalación dun sistema automatizado que permite ás embarcacións seleccionar a cantidade de xeo que precisan e cargala con total facilidade. A segunda axuda, de 18.000 euros, serviu para trasladar as oficinas da confraría, que se atopaban nun edificio independente, ás instalacións da lonxa. A confraría adecuou as instalacións para poder instalar, ademais de varias oficinas, unhas duchas que permiten aos mariñeiros asearse con auga quente e nun espazo máis confortable.

Cabe destacar que estas axudas da Xunta deixaron na provincia de Pontevedra máis de 800.000 euros que reverten directamente a favor do sector pesqueiro e que están a permitir mellorar substancialmente as condicións de traballo e a produtividade de máis dunha decena de confrarías.

Reguera sinalou a aposta do goberno autonómico polo sector pesqueiro e marisqueiro e lembrou a importancia de “seguir apoiando a todos os que fan posible que Galicia siga sendo un referente en todo o mundo”.

Ademais, o delegado territorial fixo referencia á “gran calidade dos produtos do mar galegos” que é posible, en gran parte, grazas ao “traballo coidadoso, especializado e incansable dos profesionais do mar”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2023