A Xunta ultima as obras da primeira fase de transformación da PO-546 en Estribela que farán desta vía unha rúa cómoda e segura para os peóns

O delegado territorial visitou as obras que inclúen a ampliación das beirarrúas, a substitución do firme, a creación de pasos de peóns elevados e a instalación de novas marquesiñas

Espérase que as obras desta primeira fase, nas que a Xunta inviste preto de 1 M€, rematen nas próximas semanas

Pontevedra, 5 de outubro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá as obras que se están a levar a cabo para a transformación da estrada PO-546 en Estribela, que farán desta vía autonómica unha rúa cómoda e segura para os peóns, grazas a un investimento da Xunta de 1 M€.

En concreto, os traballos da primeira fase do proxecto da Xunta, estanse a desenvolver entre o p.q 4+400 e o 4+890. As intervencións permitirán acondicionar a antiga estrada de Marín, mellorando a seguridade viaria e creando un espazo máis amable para os veciños e veciñas.

Así, o obxectivo da Xunta é mellorar a funcionalidade desta vía, para facela máis amable aos peóns e máis cómoda para os condutores e o transporte público. Para iso estanse a construír beirarrúas, ademais de renovar o firme e colocar varios pasos de peóns elevados. Ademais, a obra inclúe un novo alumeado e a instalación de novas marquesiñas.

O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta con esta obra e lembrou que o Goberno autonómico destinará 7,6 M€ nos orzamentos 2024 para continuar cos traballos deste proxecto. “É unha prioridade para a Xunta polo seu impacto na vida de toda a veciñanza, e tamén porque é unha forma de mellorar a seguridade viaria e potenciar unha mobilidade máis saudable”.

Actualmente as obras nas beirarrúas están practicamente rematadas e falta substituír o firme desgastado por un novo aglomerado. Espérase que eses traballos se poidan levar a cabo nas próximas semanas, aínda que “os prazos dependerán das condicións meteorolóxicas”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2023