Lorenzana destaca o papel do asociacionismo no impulso ao comercio compostelán

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións de Compostela Monumental

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe as instalacións da asociación de comerciantes Compostela Monumental, onde mantivo unha reunión cos directivos desta entidade e coñeceu as súas propostas e suxestións para seguir colaborando no impulso á competitividade do sector.

No encontro, no que lle entregaron un diploma de honra á Xunta de Galicia pola colaboración coa asociación nos seus máis de 30 anos de traxectoria, Lorenzana destacou o papel que xoga o asociacionismo na dinamización do comercio compostelán.

A conselleira de Economía, Industria e Innovación sinalou que a colaboración coas federacións e as asociacións é un dos eixos da estratexia de apoio ao sector que desenvolve o seu departamento, centrada en áreas como a innovación tecnolóxica, a sustentabilidade e a atracción de clientes cara aos establecementos de proximidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2023