A conselleira de Política Social e Xuventude respondeu hoxe no Parlamento de Galicia a unha interpelación sobre a mellora dos servizos e prestacións neste ámbito

Fabiola García destaca que o novo decreto de dependencia reducirá os tempos de espera na atención

Asegurou que esta é a reforma máis ambiciosa desde a aprobación no ano 2006 da Lei estatal neste ámbito

O novo regulamento reducirá o papelame que teñen que prestar os solicitantes e fusionará a resolución de grao co Plan Individualizado de Atención (PIA)

Darase unha prestación económica pública que se recibirá de xeito automático mentres que a persoa valorada agarda polo servizo solicitado

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou hoxe que o novo Decreto de Dependencia aprobado o pasado mes de setembro polo Consello da Xunta de Galicia reducirá os tempos de espera na atención. Díxoo no Parlamento autonómico en resposta a unha interpelación sobre o traballo que está a realizar o Goberno galego para mellorar o acceso aos servizos e prestacións neste ámbito.

 

Fabiola García asegurou que esta nova normativa supón a reforma máis ambiciosa desde que no ano 2006 o Goberno central aprobou a Lei de Dependencia. Neste sentido, apuntou que con este regulamento diminuiranse os trámites que ten que facer o solicitante e axilizarase o traballo dos profesionais dos equipos de valoración e de xestión administrativa.

 

A conselleira detallou que co novo decreto se reducirá o número de papeis que deberá presentar a persoa solicitante ao pasar de doce a soamente dous: un informe médico e un informe social. Deste xeito, acurtaranse os prazos desde que unha persoa acode por primeira vez aos servizos sociais municipais e se inicia o proceso de solicitude.

 

Sen duplicidades e nova prestación económica

Así mesmo, evitaranse duplicidades ao fusionar a resolución de grao en dependencia e o Plan Individualizado de Atención (PIA), que é o servizo ou prestación que precisa a persoa en función da súa situación.

 

Ademais, o PIA acompañarase dunha prestación económica pública que se recibirá de xeito automático mentres que a persoa valorada agarda polo servizo solicitado. Con esta mellora aliviarase o número de expedientes a resolver, xa que o 40 % das solicitudes recibidas non son novas senón revisións das xa existentes.

 

A maiores, a conselleira enumerou outras melloras que tamén incluirá este decreto, como facilidades nas xustificacións de pagos, a creación de máis equipos de valoración ou a universalización do uso da Historia Social Clínica Electrónica.

 

Universalización dos coidados

Por outra parte, Fabiola García asegurou que Galicia está a dar pasos pioneiros para universalizar os coidados a persoas con dependencia e que será a primeira Comunidade Autónoma en crear axudas universais para todas as que estean nesta situación, con independencia do seu grao ou renda.

 

A conselleira explicou que a este obxectivo responde a creación dun Bono coidado universal de 5.000 euros ao ano para aquelas persoas que reciben coidados nos seus fogares e tamén o impulso dun complemento universal de 1.200 euros ao ano para todas aquelas que xa teñen o Bono residencia.

 

Por último, Fabiola García indicou que Galicia destina neste ano 2023 un orzamento de 530 millóns de euros a atención á dependencia, un investimento que procede nun 70 % de fondos autonómicos e nun 30 % do Estado, moi lonxe do 50 % que fixa a Lei de Dependencia.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2023