A Xunta activa para mañá alerta laranxa por choiva no interior de Pontevedra

Agárdase unha precipitación acumulada en 12 horas de 80 mm

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese
 

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar para mañá a alerta laranxa por choiva no interior de Pontevedra.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso comezará esta medianoite e agárdase unha precipitación acumulada en 12 horas de 80 mm. O resto do territorio galego queda en alerta amarela, con precipitacións de 40 mm en 12 horas que poden chegar aos 60 mm no interior e suroeste da Coruña e na provincia de Pontevedra. Tamén estará activada a alerta amarela por vento, con fortes rachas no interior da Coruña, Noroeste, Miño e Sur de Ourense, e no interior de Pontevedra.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Ante as fortes chuvias e o vento, recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, evitar pasar preto de árbores, paneis publicitarios, andamios e obxectos que poidan ser derrubados polo vento, non atravesar zonas inundadas ou que poidan chegar a asolagarse, non aparcar nas ribeiras dos ríos, non utilizar vehículos lixeiros nin de pouca estabilidade e retirar todos os obxectos que poidan caer á rúa desde tellados, balcóns e ventás.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2023