O Sergas publica a puntuación provisional do proceso de estabilización mediante concurso de méritos de persoal de servizos xerais e técnico en coidados auxiliares de enfermería

Resultan admitidas un total de 1.897 persoas, 365 na categoría de persoal de servizos xerais e 1.532 na categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermería, para un total de 294 prazas

O total de prazas a estabilizar nos próximos meses é de 1.279 en distintos procesos selectivos das dúas categorías

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución pola que se declaran con carácter definitivo as persoas aspirantes admitidas e excluídas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, e se publican as puntuacións provisionais para o ingreso nas categorías de persoal de servizos xerais e técnico en coidados auxiliares de enfermería.

Ofértanse, mediante o sistema de concurso de méritos, un total de 17 prazas para a categoría de persoal de servizos xerais, das cales 15 corresponden á quenda de acceso libre e 2 á de discapacidade xeral e 277 prazas para a categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermería, das cales 254 corresponden á quenda de acceso libre e 23 á de discapacidade xeral.

Estabilizaranse 1.279 prazas nas dúas categorías

Estas 294 prazas engádense ás 985 prazas ofertadas mediante o sistema de concurso-oposición para estas dúas categorías de persoal estatutario, correspondendo 196 á categoría de persoal de servizos xerais e 789 á categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermería.

Ademais deste concurso de méritos, están previstos os exames de acceso por concurso-oposición que se celebrarán en Silleda os vindeiros 4 e 5 de Novembro para estas mesmas categorías profesionais.

Polo que o total de prazas a estabilizar nos próximos meses son 213 de persoal de servizos xerais (PSX) e 1.066 de técnicos/as en coidados auxiliares de enfermería (TCAE).

Neste proceso de concurso de méritos resultaron admitidos, con carácter definitivo, un total de 365 aspirantes na categoría de persoal de servizos xerais e 1.532 na de técnico/a en coidados auxiliares de enfermería.

As listas coa relación definitiva de persoas admitidas e excluídas e a baremación provisional coa información que permitirá verificar a correcta aplicación do criterio de desempate establecido nas bases da convocatoria do proceso selectivo, coa finalidade de dotar de transparencia o proceso, atópanse publicadas na web do Servizo Galego de Saúde. Cada aspirante poderá consultar o estado da solicitude, ademais da puntuación obtida nas distintas epígrafes do baremo, no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos/concurso de méritos.

Contra os resultados da baremación provisional, as persoas aspirantes admitidas disporán dun prazo de reclamacións de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación no DOG (é dicir, do 26 de outubro ao 9 de novembro, ambos incluídos).

Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposiciones@sergas.es. Estas consultas non terán a consideración de reclamacións.

Redución da taxa de temporalidade

Este proceso excepcional mediante concurso de méritos, xunto cos procesos convocados mediante concurso oposición para un total de 105 categorías de persoal estatutario, que permitirán a incorporación de 5.585 profesionais como persoal fixo, teñen por obxecto controlar e reducir a taxa de temporalidade no Sistema Sanitario Público de Galicia, para rebaixar a taxa actual e acadar no ano 2024, trala execución dos procesos previstos unha taxa por debaixo do 8%, como marca a Lei 20/2022.

Os procesos selectivos, polo sistema de concurso de méritos, para as categorías de enfermaría e medicina de familia están na súa fase final de resolución. Proximamente sairá publicada a resolución de nomeamento e adxudicación de destino definitivo para o ingreso na categoría de enfermería e os e as médicas de familia dispoñen ata o 31 de outubro para elixir o destino.

Data de actualización: 25/10/2023