Rivo exporá no Congreso estatal de empresas de inserción en San Sebastián as boas prácticas de Galicia no apoio ao emprego inclusivo e á economía social

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participará neste evento no que San Sebastián toma o relevo de Santiago de Compostela como capital anual da economía social

A comunidade galega é referente na aplicación do sistema de reserva de contratos nos seus procesos de licitación para garantir o emprego inclusivo

A Consellería de Promoción do Emprego destinará en 2024 un total de 43,6 millóns de euros ao impulso das fórmulas da economía social e márcase como reto o deseño da estratexia para este modelo e a aprobación dunha nova Lei de cooperativas

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, participará mañá, 26 de outubro, no Congreso estatal das empresas de inserción, que este ano se celebra en San Sebastián por ser capital española da Economía Social 2023 e tomar o relevo a Santiago de Compostela que a ostentou o ano pasado. 

Invitada pola Federación de asociacións empresariais de empresas de Inserción (Faedei), a conselleira tomará parte na xornada que leva por título Empresas de inserción, economía social e emprego inclusivo, que aproveitará para poñer en valor o apoio que a Xunta de Galicia brinda a este modelo de negocio que propugna a diversidade e a igualdade.  

As empresas de inserción teñen como finalidade a xeración de emprego para persoas en situación ou risco de exclusión social ou que presentan maiores dificultades para o acceso ao mercado laboral. Trátase de firmas sen ánimo de lucro, baseadas no fomento da solidariedade tanto a nivel interno como coa sociedade.

A Xunta de Galicia está a impulsar estas fórmulas porque, entre outros beneficios, favorecen o desenvolvemento local, a igualdade de oportunidades, a cohesión social, a xeración de emprego de calidade, a conciliación e a sustentabilidade.

Galicia é a primeira comunidade, por outra banda, en canto á reserva dos contratos, un mecanismo que permite ás administracións establecer que nos seus procesos de licitación participen de xeito exclusivo empresas de inserción ou centros especiais de emprego de iniciativa social. O Goberno autonómico está a facer unha forte aposta por que este sistema se implante en empresas ou entidades específicas, o que permite a promoción da inclusión laboral e económica dos colectivos mais vulnerables.

Precisamente de contratación reservada e das boas prácticas desenvolvidas pola Xunta de Galicia falará a conselleira Elena Rivo no congreso de San Sebastián, onde formará parte dunha mesa redonda de representantes autonómicos na que se abordará o tema.

Administración galega e entidades do sector están a colaborar na actualidade no deseño da Estratexia da Economía Social en Galicia. Este marco de referencia apoiará, de xeito transversal, o posicionamento deste modelo no entorno tecnolóxico e dixital, da xestión de residuos, agroalimentario de proximidade, economía dos coidados e industrias culturais. Seguirá a impulsar a presenza feminina na economía social e a profesionalización destas actividades e tamén incluirá medidas para facer que este modelo resulte atractivo á mocidade.

Xunto coa nova Lei Galega de Cooperativas, que se atopa en proceso de actualización, a comunidade seguirá a difundir os valores da economía social e a avanzar na axilización na creación de entidades, así como a impulsar o seu funcionamento. O orzamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade contará en 2024 con 43,6 millóns de euros, un 3% máis ca este ano, para enfrontar estes retos.

Data de actualización: 25/10/2023