A Xunta impulsa o servizo de protección do espazo natural de Ordes e Frades cunha achega de 36.150 €

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, coñeceu a dotación de persoal e equipamento financiada a través do Fondo de Compensación Ambiental

O Goberno galego inviste este ano 8,2 millóns de euros na liña de apoio ás administracións locais para accións de mellora na contorna

Ordes (A Coruña), 25 de outubro de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, coñeceu hoxe o servizo de protección do ambiente e do espazo natural xestionado de maneira conxunta polos concellos de Ordes e Frades e que foi beneficiario da última convocatoria do Fondo de Compensación Ambiental. A través desta liña de apoio ao eido local, o Goberno galego investiu 36.150 euros que contribuíron a cubrir os gastos de funcionamento e a adquisición de novo equipamento.

Coa contía concedida financiouse por unha banda o salario de tres traballadores, un condutor de rozadoira, un tractorista e un peón forestal, e o combustible para a maquinaria. Por outra parte, adquiriuse unha rozadoira lateral co obxectivo de prestar un servizo máis eficiente, optimizando o tempo de traballo e facilitando o acceso a zonas complicadas.

Co impulso a este servizo, os concellos de Ordes e Frades queren reforzar dúas liñas básicas de actuación ambiental como son a eliminación de vertedoiros incontrolados, coa recuperación dos espazos degradados ou contaminados, e o acondicionamento de zonas de lecer, como áreas recreativas e rutas de sendeirismo.  

Segundo explicou a directora xeral, o Fondo de Compensación Ambiental é unha liña específica de apoio ás administracións locais para o desenvolvemento de accións a prol da mellora da contorna. A través dela, a Xunta colabora no financiamento de servizos municipais dedicados á protección do medio. Como no caso de Ordes e Frades, entre os obxectivos que deben perseguir figuran a conservación da biodiversidade, o fomento do coñecemento e da utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais, e a recuperación do medio natural degradado ou contaminado. Tamén deben impulsar a eficiencia e o uso sustentable das enerxías renovables, e, en xeral a protección do medio.

Dotado con 8,2 millóns de euros, o Fondo de Compensación Ambiental beneficiou este ano preto dun cento de concellos a través da liña competitiva e máis dun cento a través da non competitiva, destinada a localidades con parques eólicos nos seus territorios.

Natalia Prieto eloxiou a iniciativa conxunta dos concellos de Ordes e Frades, que aposta pola xestión compartida dos recursos e permite prestarlle así servizos de calidade á veciñanza minimizando o gasto municipal. A medida xa foi beneficiaria do Fondo de Compensación Ambiental nos exercicios de 2021 e 2022, de xeito que o financiamento global da Xunta suma 107.250 euros.

Outras liñas de apoio

Ademais, os concellos de Ordes e Frades recibiron tamén diversas achegas nos últimos anos enmarcadas nas liñas autonómicas de apoio ás administracións locais, entre as que figuran, xunto ao Fondo de Compensación Ambiental, a orde de infraestruturas de uso público ou o Fondo de Cooperación Local. O investimento do Goberno galego ascende así a 1,3 millóns de euros no caso de Ordes e a case 908.000 euros no de Frades. As contías destináronse a adquirir equipamento, mellorar instalacións e potenciar os espazos naturais de ambas as localidades.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2023