A delegada territorial, Martina Aneiros, supervisou esta mañá os traballos no centro acompañada do alcalde da localidade

A Xunta mellora os aseos e o pavimento do patio cuberto do CEIP da Barqueira, en Cerdido

As obras, incluídas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, execútanse grazas a un investimento da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades

Cerdido (A Coruña), 25 de outubro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Cerdido, Alberto Rey, visitou esta mañá o CEIP A Barqueira onde a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades está a desenvolver obras de acondicionamento, en colaboración co Concello.

Concretamente estase a acometer a reforma dos baños e as obras de renovación do pavimento do patio cuberto, para as que a Administración autonómica contribúe cun importe de 21.000 euros.

Durante a visita, na que tamén participou o xefe territorial da consellería, Indalecio Cabana, e a directora do centro, Araceli Montes, Aneiros coñeceu as instalacións educativas que recentemente celebraron o seu 50 aniversario e lembrou o compromiso da Xunta co sector educativo e o esforzo constante “para que tanto alumnos como profesores desenvolvan a súa aprendizaxe e traballo nas mellores condicións posibles”.

O CEIP da Barqueira conta este curso con 49 alumnos (12 na etapa Infantil e 37 en Educación Primaria) e nove docentes. O centro está incluído nos programas autonómicos CPInnova 22-23, para o fomento da excelencia educativa; CPInclúe, para a promoción da inclusión educativa; no Plambe, para a mellora de bibliotecas escolares e no Plan Proxecta, entre outros.

Estes traballos están incluídos no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para a modernizacións das instalacións educativas facendo fincapé en cuestións como a mellora da eficiencia enerxética ou accesibilidade, entre outros aspectos. Actualmente, a través deste plan, a Xunta ten en marcha nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, en distintas fases, proxectos por valor de máis de 5,4 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2023