A Xunta considera necesario traballar na descarbonización do transporte marítimo

O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, estivo esta mañá na Coruña na apertura do ‘Foro Riazor: Global Maritime Sustainability’

A Coruña, 25 de outubro de 2023 O director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, participou esta mañá na Coruña na apertura do Foro Riazor: Global Maritime Sustainability onde destacou a necesidade de traballar na descarbonización do transporte marítimo.

O director xeral aludiu ao esforzo que se está a realizar na electrificación da mobilidade terrestre e asegurou que hai que avanzar tamén noutros modelos de transporte tanto marítimo como aéreo máis sustentables. Por iso agradeceu aos promotores do foro a súa iniciativa que pon en valor o labor que están realizando neste eido tanto os axentes públicos como privados.

Fernández-Vila ratificou o compromiso da Xunta cun novo modelo industrial que necesita unha transición enerxética planificada, ordenada e xusta e que precisa das enerxías renovables e de proxectos que xeren un impacto positivo -tanto social como económico- no territorio.

Ao respecto, lembrou o potencial da carteira de proxectos con interese en implantarse en Galicia, iniciativas -moitas delas- centradas no desenvolvemento de hidróxeno verde, metanol verde, ou efuels que permitirán descarbonizar sectores cun elevado número de emisións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2023