A Xunta presentará en novembro o proceso asistencial integrado que estandariza a atención a pacientes con dano cerebral adquirido

As Consellerías de Sanidade e de Política Social e Xuventude deseñaron criterios unificados para atender persoas con esta lesión

O Proceso asistencial integrado (PAI) de dano cerebral complementa o Código Ictus

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023

A Xunta presentará o próximo mes de novembro o Proceso asistencial integrado (PAI) de dano cerebral adquirido que servirá para unificar criterios á hora de dar a alta ou de derivar a outros especialistas ás aproximadamente 35.000 persoas que padecen esta lesión en Galicia.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto á conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e ao presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, trasladoulles a confirmación a pacientes e entidades participantes na lectura do manifesto do Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido (DCA) celebrada no Pazo do Hórreo.

Tras realizar entrevistas con pacientes, familiares que exercen coidados e a Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace), a Consellería de Sanidade, en colaboración con Política Social e Xuventude, deseñou un PAI coa implicación de profesionais das sete áreas sanitarias e de todas as categorías implicadas no percorrido que viven os pacientes polo sistema sanitario durante a fase subaguda e crónica da enfermidade, é dicir, persoal de rehabilitación, medicina de atención primaria, terapia ocupacional, neuroloxía, fisioterapia, neurocirurxía, traballo social, internistas, psiquiatras e logopedas.

Na súa intervención no Parlamento, Comesaña referiuse a este traballo para a atención ao DCA recoñecendo que “confiamos en que responda ás necesidades de familias que teñen que afrontar este cambio na súa vida, un cambio que acostuma chegar dun día para outro”.

Pola súa banda, a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, puxo en valor a dedicación de entidades que, como as que forman parte de Fegadace, traballan os 365 días do ano para mellorar a calidade de vida das persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias. Tamén destacou a importancia de actos como o de hoxe para dar visibilidade ás persoas que viven esta situación, seguir avanzando en como mellorar o benestar das mesmas e das súas familias e concienciar á poboación en xeral sobre o DCA, unha realidade que ninguén está libre de vivir.

Neste sentido, Fabiola García, sinalou que a Xunta de Galicia seguirá traballando da man do tecido asociativo para que as persoas con DCA teñan as mellores atencións e coidados, tanto desde o punto de vista sanitario como no eido das políticas sociais. O obxectivo, afirmou, é achegar entre todos a solucións que contribúan a normalizar a situación na sociedade destas persoas.

Así, o PAI de dano cerebral adquirido complementará o Código Ictus, cuxa actualización será presentada este venres.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/10/2023