O conselleiro do Medio Rural e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias reuníronse con representantes das organizacións profesionais agrarias

A Xunta insiste en demandar estabilidade nos prezos do leite para garantir a sustentabilidade do sector e a remuda xeracional nesta actividade clave do rural

O encontro, que forma parte da rolda de contactos que manteñen os responsables do Goberno galego cos diferentes axentes sectoriais, serviu para reiterar o apoio aos gandeiros, que requiren, segundo o conselleiro, un “esforzo adicional na súa defensa”

José González destacou que nun momento de negociación, grazas a Contaláctea -a aplicación informática creada na Estratexia sectorial-, é posible trasladar á industria que “non pode haber baixadas de prezos, porque perigaría a competitividade do sector”

Ademais, o conselleiro advertiu que “non comprendemos nestes momentos a existencia de diferenciais de prezos” entre Galicia e outros territorios, que “non se xustifican por cuestións de calidade do produto”
 

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantiveron esta tarde unha reunión de traballo con representantes das organizacións profesionais agrarias galegas centrada no lácteo. Na xuntanza participaron responsables de Unións Agrarias, do Sindicato Labrego Galego, da Asociación Agraria de Galicia, da Federación Rural Galega e da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias.

Este encontro, que forma parte da rolda de contactos que manteñen os responsables da Xunta cos diferentes axentes sectoriais, serviu para reiterar o apoio do Goberno galego aos gandeiros -un elo que require, segundo o conselleiro, un “esforzo adicional na súa defensa”- e para insistir na mensaxe trasladada a pasada semana á industria láctea: “É primordial garantir unha estabilidade en prezos para asegurar a sustentabilidade e a remuda xeracional no sector”.

 

Neste sentido, José González destacou que nun momento de negociación de contratos, grazas á existencia de Contaláctea -a aplicación informática creada ao abeiro da Estratexia sectorial-, é posible trasladar á industria que “non pode haber baixadas de prezos, porque poríamos en perigo a rendibilidade e a competitividade do sector”. De feito, reiterou que “o maior perigo para a competitividade do sector é que non haxa gandeiros que produzan leite e por iso precisamos que as súas explotacións sexan rendibles”.

Estabilidade no tempo

Ademais, o conselleiro demandou que esa estabilidade “se manteña no tempo para ser capaces de garantir a remuda xeracional” e que a medio e longo prazo sigamos tendo sector gandeiro de vacún de leite en Galicia. A maiores, José González insistiu en trasladar que “non comprendemos nestes momentos a existencia de diferenciais de prezos” entre Galicia e outros territorios, que “non se xustifican por cuestións de calidade do produto”. 

Na xuntanza coas organizacións profesionais agrarias tamén se puxo sobre a mesa a demanda da Xunta, trasladada á Interprofesional Láctea (Inlac), para que poña en marcha o antes posible unha campaña publicitaria de fomento do consumo do leite con orixe España. Neste sentido, por parte da Consellería do Medio Rural xa se amosou a súa disposición a colaborar na iniciativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2023