Lorenzana preside a mesa para o impulso da actividade económica das Pontes para avanzar na reindustrialización da comarca
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, presidiu a convocatoria á que asistiron as Administracións e axentes económicos e sociais implicados
Coincidiron en reclamar a Endesa un plan de pre-desmantelamento e de desmantelamento da central térmica para contar cun calendario que dea certezas para poder avanzar, de xeito paralelo, nos proxectos industriais e enerxéticos que prevén implantarse na zona
A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, presidiu esta mañá a Mesa para o impulso da actividade económica das Pontes, na que participaron as administracións públicas e os axentes económicos e sociais para avanzar na reindustrialización da comarca.
Ao encontro asistiron o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, así como representantes do Instituto de Transición Justa e da subdelegación do Goberno, de Endesa, da CIG, UGT e CCOO, da Confederación de Empresarios, da Asociación de Empresarios Seara, da Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios das Pontes, así como da Xunta.
No encontro, as administracións e os axentes sociais coincidiron en reclamar a Endesa o plan de pre-desmantelamento así como de desmantelamento da súa central térmica, xa que é preciso contar cun calendario con prazos definidos que achegue certezas e permita afrontar, de xeito paralelo, os proxectos industriais e enerxéticos nos que se está traballando.
Precisamente, na reunión avaliouse o estado destes proxectos industriais estratéxicos e das iniciativas que prevén implantarse na comarca coas que se pretende dinamizar a actividade económica e crear novos postos de traballo.
Os asistentes incidiron en que é prioritario traballar nun proceso de transición que garanta tanto o mantemento da actividade como o emprego.