O presidente da Xunta participou hoxe na clausura da primeira conferencia das partes da Alianza Galega polo Clima

Rueda apela ao compromiso do tecido social e económico galego para acadar a neutralidade climática en 2040

Salienta que a futura aprobación da Lei do clima establecerá este obxectivo como unha obriga legal

Pon en valor todas as medidas que leva posto en marcha o Goberno galego nestes anos, como a Estratexia galega de cambio climático ou a de economía circular

Agradece o compromiso de todas as empresas e entidades que forman parte da Alianza Galega polo Clima

Na inauguración do foro, Ángeles Vázquez cuantifica en 212,7 M€ o compromiso do Goberno autonómico co medio ambiente nos orzamentos do próximo ano e subliña que este esforzo permitirá “afianzar a posición de Galicia” como refuxio climático

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apelou hoxe ao compromiso do conxunto do tecido social e económico galego co obxectivo de acadar a neutralidade climática en 2040, unha meta que a futura Lei do clima galega establecerá como unha obriga legal.

Así o destacou hoxe durante a clausura da primeira conferencia das partes da Alianza Galega polo Clima, na que estivo acompañado pola vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

Na súa intervención, chamou a atención sobre a urxencia de loitar contra o cambio climático, do que xa se están percibindo os efectos de forma visible. Con todo, sinalou que este desafío pode converterse nunha oportunidade se se aproveitan sectores nos que Galicia está chamada a ser un referente, como o hidróxeno verde ou a eólica mariña.

Ademais, lembrou que hai tempo que o Goberno galego vén impulsando medidas de calado neste ámbito, como a aprobación das estratexias de cambio climático; de economía circular; e de economía circular do Sergas, presentada recentemente e que o converte no primeiro servizo sanitario que se implica nunha iniciativa destas características.

De cara a conseguir o obxectivo da neutralidade climática en 2040, considerou que Galicia parte dunha boa situación, tendo en conta que, segundo os últimos datos dispoñibles de 2021, foi a segunda comunidade autónoma que máis reduciu as emisións de gases de efecto invernadoiro.

Ao respecto, sinalou que este logro só é posible porque existe un compromiso do conxunto da sociedade e do tecido económico, como o que representan todas as entidades, organismos e empresas adheridas á Alianza Galega polo Clima, da que actualmente forman parte 89 entidades.

Así mesmo, durante a inauguración do foro, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, cuantificou en 212,7 millóns de euros os fondos reservados nos orzamentos do seu departamento para o próximo ano a políticas medioambientais.

Un esforzo investidor, asegurou, que permitirá á Xunta continuar coa súa estratexia de loita contra o cambio climático, apostar pola resiliencia e optimizar a eficiencia na xestión dos residuos co fin de seguir “afianzando a posición de Galicia” como refuxio climático.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2023