A conselleira de Política Social e Xuventude compareceu hoxe no Parlamento autonómico para abordar diferentes medidas de apoio ás familias

Fabiola García destaca que a gratuidade das escolas infantís converteu a Galicia en líder nacional na escolarización de 0 a 3 anos

No primeiro ano de implantación desta medida a taxa de escolaridade mellorou en case nove puntos con respecto ao curso anterior ata situarse no 56%, dez puntos máis que a media nacional e moi superior ao 19% do ano 2009

A nosa comunidade segue sendo a única co 100% das escolas infantís gratuítas para todo o alumnado oito horas ao día e durante once meses ao ano

A Xunta destina cada ano 55 millóns de euros a financiar unha medida que beneficia máis de 31.000 familias e que, lamentablemente, non conta co apoio económico do Goberno central
 

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou hoxe que o primeiro ano da implantación da gratuidade nas escolas infantís de 0 a 3 anos permitiu a Galicia situarse á cabeza a nivel de escolarización nesta etapa cunha taxa de matriculación do 56%, dez puntos por riba da media nacional, segundo datos do Ministerio de Educación e Formación Profesional. Así o sinalou nunha comparecencia no Parlamento autonómico na que tamén abordou o impulso a diferentes medidas de apoio ás familias que ten en marcha o Executivo autonómico.

Fabiola García sinalou que este 56% de taxa de escolaridade no primeiro ciclo de educación infantil converte a nosa comunidade en líder nacional neste ciclo educativo, mellorándoa en case nove puntos con respecto ao curso 2018-19, antes da gratuidade, e moi por encima do 19% que rexistraba Galicia no ano 2009. Ademais, indicou que a día de hoxe Galicia segue sendo a única Comunidade Autónoma que ten unha medida deste calado, xa que en ningún outro lugar de España os pais contan con centros 100% gratuítos para todos os nenos, ata oito horas ao día e durante once meses ao ano.

 

Neste sentido, a conselleira lamentou a ausencia do Goberno central no financiamento desta medida da que se benefician máis de 31.000 familias que non teñen que pagar nada pola escola infantil dos seus fillos, grazas á que a Xunta destina cada ano 55 millóns de euros de fondos propios. Isto permite aforrar a cada fogar máis de 2.000 euros por curso.

 

Axudas aos concellos e casas niño

A conselleira sinalou que se seguirá afondando neste camiño coa creación de máis prazas de 0 a 3 anos por toda Galicia para que cada vez sexan máis as familias que poidan e queiran levar os seus fillos a unha escola infantil. Ao respecto, sinalou que nos últimos catorce anos incrementouse o número de escolas infantís de titularidade autonómica, superando xa as 170; e continúanse impulsando axudas para que os concellos creen novas escolas, cunha nova orde de achegas nestes momentos en marcha que permitirá a creación de 1.000 novas prazas de 0 a 3 anos.

 

Fabiola García referiuse tamén a outras medidas de apoio ás familias, como as casas niño. Desde que se abriron as primeiras no ano 2016 ata a actualidade a rede destes recursos de conciliación en concellos pequenos do rural foi estendéndose, e este ano superarase a barreira das 100 casas niño en funcionamento e as máis de 500 prazas totalmente gratuítas de atención á etapa de 0 a 3 anos.

Tarxeta benvida e Bono concilia familia

A conselleira subliñou outras axudas ás familias con fillos, como a Tarxeta benvida ou o Bono concilia familia. Máis de 100.000 familias galegas recibiron a Tarxeta benvida desde que se entregaron as primeiras no ano 2016. A Xunta leva destinados preto de 200 millóns de euros a esta axuda para pais que teñen un fillo e cuxo importe oscila entre os 1.200 e os 3.000 euros. Ademais, esta tarxeta pasará a concederse automaticamente no ano 2024 a todos os fogares que cumpran os requisitos, que actualmente son o 80%.

En canto ao Bono concilia familia, Fabiola García apuntou que este ano se duplicou o número de solicitudes, ata superar as 13.200, desta axuda de entre 200 e 500 anos por neno para o pago dun campamento, dunha ludoteca ou para a contratación dunha persoa empregada do fogar. A Xunta ampliou o orzamento destinado a este bono en 900.000 euros ao ano para atender a todas as solicitudes que cumpran cos requisitos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2023