O delegado territorial visita o CEIP Fermín Bouza Brey, onde a Xunta investirá máis de 440.000 euros en carpinterías

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, asegurou que esta obra de mellora da eficiencia enerxética será un “antes e un despois” para o centro

O Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica prevé que no ano 2024 se teñan investido na provincia de Pontevedra máis de 48 millóns de euros
 

Ponteareas (Pontevedra), 24 de outubro de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas, onde a Xunta levará a cabo unha importante obra de substitución das carpinterías das ventás.

En concreto, a Xunta investirá máis de 440.000 euros para a instalación destas novas carpinterías de aluminio natural con rotura de ponte térmico. Ademais, as persianas serán compactas e contarán con lamas de aluminio de cor similar ao da carpintería.

As obras contemplan tamén a retirada das reixas metálicas existentes, o pintado das novas instalacións e a reparación dos danos superficiais que se atopen no entorno inmediato das ventás.

Reguera aproveitou a visita para conversar co equipo directivo do CEIP e trasladarlles o compromiso da Xunta con esta gran obra que será “un antes e un despois” para o centro.

A actuación está deseñada para que mellore substancialmente a eficiencia enerxética do edificio o que diminuirá o gasto eléctrico, co aforro no medio prazo que iso implica.

Cabe destacar que esta obra encádrase dentro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta 2021-2024 que neste período contempla unha inversión total en toda a provincia que supera os 48 millóns de euros.

“A Xunta ten a súa atención posta na mellora da educación e dos centros educativos de todo o territorio. Creo que o esforzo que se está a facer en concreto na área territorial de Pontevedra é claro. O obxectivo é que os nosos mozos e mozas poidan desenvolver todas as súas capacidades nas mellores condicións posibles”, concluíu o delegado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2023