O conselleiro do Medio Rural clausurou a xornada de presentación do Manual práctico para a integración paisaxística da reestruturación parcelaria

A Xunta destinará 24 M€ no 2024 para avanzar nos procesos de concentración parcelaria, ampliando o orzamento un 41 % por riba do ano pasado

José González sinalou que a Xunta leva investido un total de 118 millóns nos últimos 14 anos co obxecto de avanzar decididamente nesta materia

Explicou que o Manual presentado hoxe servirá como metodoloxía para realizar este proceso desde a perspectiva máis integradora posible

Recalcou a necesidade de establecer como prioridade a protección dos elementos culturais, ambientais e paisaxísticos, con criterios únicos e homoxéneos

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023

A Xunta destinará o vindeiro ano un total de 24 millóns de euros para avanzar nos procesos de concentración parcelaria e no arranxo de pistas. Este orzamento representa un 41 % máis de fondos que os consignados no 2023. Así o anunciou esta mañá o conselleiro do Medio Rural, José González, na clausura do acto de presentación do Manual práctico para a integración paisaxística da reestruturación parcelaria. O conselleiro estivo acompañado por Inés Santé, directora xeral de Desenvolvemento Rural.

 

Neste contexto, o conselleiro destacou a creación do Manual presentado hoxe como unha iniciativa fundamental para planificar, co fin de establecer unha metodoloxía práctica para realizar a reestruturación parcelaria cunha visión o máis integradora posible, sendo a conservación da paisaxe un valor engadido en todo o proceso.

 

Na súa intervención, José González fixo fincapé na importancia da reestruturación parcelaria como ferramenta necesaria para o desenvolvemento rural, debido á división da terra en Galicia, que segue a ser un impedimento para o desenvolvemento do potencial agrario, polo que ambos intereses deben solaparse. Neste sentido, sinalou que a Xunta leva investido un total de 118 millóns nos últimos 14 anos co obxecto de avanzar decididamente nesta materia.

 

Sustentabilidade

Neste mesmo sentido, o conselleiro fixo fincapé na necesidade de garantir a sustentabilidade neste tipo de procesos -que inciden na paisaxe, xa que diminúen o número de parcelas e reducen a rede de camiños para permitir o tránsito de maquinaria- mellorando o medioambiente. Así, recalcou que cómpre establecer consideracións básicas sobre a correcta integración e protección dos elementos culturais, ambientais e paisaxísticos, con criterios únicos e homoxéneos que contribúan tamén á mitigación e adaptación, en especial, aos incendios forestais.

 

Seguindo esta liña, definiu como un “feito prioritario” a aposta polos procesos de concentración parcelaria con “perspectiva e garantías”. Para isto, a Xunta ten unha concepción moderna desta ferramenta, entendéndoa como unha figura para mellorar as estruturas, orientándoas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións, a través do aumento da súa base territorial e reducindo os custos de produción. Neste sentido, búscase facer rendible a explotación da terra para contribuír ao sustento da poboación rural e evitar o abandono.

 

O compromiso da Xunta materialízase nas 29 parcelarias rematadas desde 2020 ata o momento, abarcando unha superficie de máis de 19.500 hectáreas e beneficiando máis de 14.000 propietarios, que recibiron preto de 31.000 títulos de propiedade. En consonancia con isto, destacan as tamén 29 parcelarias decretadas desde 2021 ata agora, seguindo -destacou González- o “mantra” segundo o cal “por cada parcelaria rematada, unha nova decretada”.

 

Aposta por reducir e axilizar trámites

Ademais, as novas parcelarias teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións. Neste senso, a Xunta mantén un elevado ritmo de entrega de títulos por toda Galicia e está aberta a decretar novas zonas onde a prioridade sexa, precisamente, a ampliación de base territorial para as explotacións agropecuarias, sempre apostando por reducir e axilizar os trámites. 

 

Nesta liña, e de xeito paralelo, o conselleiro destacou as ferramentas de mobilización de terras da Lei de recuperación. Uns instrumentos que -subliñou- permiten unha maior participación dos interesados na explotación das terras e lembrou que estes mecanismos -polígonos agroforestais, aldeas modelo, permutas e agrupacións de xestión conxunta- xunto coas parcelarias permitiron xa poñer en valor arredor de 35.000 hectáreas en toda Galicia.

Data de actualización: 24/10/2023