O Sergas incrementa o orzamento destinado a entidades sociais ata chegar aos 11,6 M€ en 2024

As axudas que destina o Servizo Galego de Saúde no proxecto de orzamentos da Xunta ven incrementada a súa achega nun 14 % con respecto a 2023

O conselleiro de Sanidade visita a sede da Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela, que recibiu unha subvención de 12.000 euros para ofrecer sesións de fisioterapia a 100 pacientes

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023 O Servizo Galego de Saúde incrementará ata os 11,6 millóns de euros en 2024 o orzamento dedicado a entidades sociais de atención á drogodependencia, saúde mental e asociacións de pacientes, subindo un 14 % a achega con respecto ao vixente exercicio.

No marco do Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido, que se conmemora o 26 de outubro, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá a Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela, que na convocatoria de subvencións de 2023 recibiu 12.000 euros para o seu programa de fisioterapia que beneficiou a 100 persoas con esta lesión. Con esta axuda, a entidade pretende fomentar a autonomía das persoas con dano cerebral adquirido, previr o deterioro das súas capacidades físicas e apoiar ás familias das persoas coidadoras no manexo de estratexias para o mantemento das capacidades da persoa e garantir a prevención do deterioro. Segundo os resultados de Sarela con respecto á pasada edición, un 57 % das persoas participantes melloraron a súa autonomía e o 40 % mantiveron as súas capacidades físicas.

Axudas por valor de 250.000 euros a asociacións de pacientes

Na presente edición de 2023 das subvencións para programas de asociacións de pacientes, a Xunta entregou 40.000 euros a entidades dedicadas ao dano cerebral adquirido, parálise cerebral e epilepsia, en concreto, á mencionada Sarela, APAMP, Adaceco da Coruña e Asociación de Dano Cerebral de Vigo Alento.

Na categoría de enfermidades neurodexenerativas (incluíndo alzhéimer, demencias e párkinson) recibiron 110.000 euros as asociacións de familiares de persoas con alzhéimer e outras demencias de Ourense, Viveiro e Chantada, ademais de Afaga, Afan, Agadea, a Asociación ourensá de esclerose múltiple, párkinson e enfermidades raras (AODEMPER), a Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM) e Asociación galega de esclerose lateral amiotrófica (Agaela).

Para desenvolver programas relacionados co trastorno do espectro autista, destináronse 60.000 euros ás actividades da Asociación Autismo Bata, Federación Autismo Galicia, Asociación Autismo Ourense, Aspaneps, Apacaf e Aspanaes na Coruña.

No caso das enfermidades raras e linfedema, a administración autonómica subvencionou con 40.000 euros os programas da Federación Galega de enfermedades raras e crónicas Fegerec, a Asociación Galega de Hemofilia Agadhemo, a Asociación Galega de Fibrose Quística e a Liga reumatolóxica galega de loita contra o reumatismo.

De forma global, nas catro categorías, o Sergas subvencionou a labor de entidades de pacientes con achegas que sumaron 250.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2023