A Xunta avanza na colaboración coa mancomunidade de Montes de Vigo para mellorar a xestión do territorio forestal e a prevención de incendios

Os directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal e de Defensa do Monte reuníronse hoxe con responsables desta entidade, coa que se manteñen xuntanzas de xeito periódico

A Consellería do Medio Rural xa ten proxectadas e en fase de licitación novas actuacións dentro da franxa de protección dos montes da cidade olívica, lindeiros co municipio de Nigrán

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023

Os directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, reuníronse hoxe con responsables da Mancomunidade de Montes de Vigo. O encontro serviu para avanzar en materia de colaboración para a posta en valor e a xestión do territorio forestal da contorna da cidade olívica, así como no eido da prevención de incendios.

Ambos directores xerais salientaron que por parte da Xunta mantéñense xuntanzas periódicas con esta entidade e que a Consellería do Medio Rural xa ten proxectadas e en fase de licitación novas actuacións dentro da franxa de protección dos montes da cidade olívica, lindeiros co municipio de Nigrán. A intención do Goberno galego é executar esta serie de actuacións na primeira metade de 2024, estando incluídas nos orzamentos do vindeiro ano, cunha dotación de arredor de 160.000 euros. Así, entre outras accións, a Dirección Xeral de Defensa do Monte arranxará varios quilómetros de pistas e desenvolverá novas áreas cortalume.

Pola súa banda, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal levou a cabo actuacións nos montes que pertencen ao concello de Nigrán e que limitan con terreos da Mancomunidade de Vigo, que supuxeron un investimento total de 260.000 euros. Ademais, cómpre lembrar que nos vindeiros meses convocaranse axudas especificamente dirixidas ás comunidades de montes veciñais, co fin de que poidan desenvolver traballos de mantemento e accións silvícolas.

Axudas para prevención

Tamén se comunicou que se atopa aberto o prazo de solicitude das axudas para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor). Estas axudas contemplan o control selectivo do combustible e a construción de puntos de auga.

Outras axudas das que se informou, esta vez dependentes da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, publicaranse antes de fin de ano, nomeadamente as de forestación, silvicultura, agrupacións forestais e boa gobernanza.

Na contorna de Vigo xa se investiron por parte de Medio Rural arredor de 1,4 millóns de euros na creación dun bosque periurbano modelo nesta zona, tras asinar un acordo de colaboración con esta mancomunidade e coas de montes veciñais en man común de Valadares, San Andrés de Comesaña, Coruxo e Zamáns. Estas obras -xa rematadas- consistiron basicamente na eliminación de brotes de eucalipto/acacia e na plantación de frondosas e piñeiros, a retirada de madeira queimada e o arranxo de pistas en varios montes veciñais propiedade destas comunidades.

Data de actualización: 24/10/2023