A Xunta mantén o compromiso coa mediación como resolución alternativa de conflitos con 125.000 euros nos orzamentos para 2024

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asinou hoxe convenios co Ilustre Colexio de Avogados da Coruña e co Consello Galego dos Procuradores cun montante total de 25.000 euros para impulsar este modelo nas xurisdicións civil e mercantil e no ámbito penal
 

A Xunta tamén compensará os profesionais da procuradoría pola asistencia xurídica gratuíta cando sexan nomeados por requirimento xudicial
 

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2023   O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Xustiza, José Tronchoni, asinou hoxe acordos co Ilustre Colexio de Avogados da Coruña e co Consello Galego dos Procuradores para impulsar a mediación por un montante global de 25.000 euros. A Xunta implantou nos últimos anos este modelo no ámbito familiar en todas as cidades galegas e puxo en marcha outros proxectos de mediación no ámbito civil e penal. Por iso, nos orzamentos de 2024 mantén o compromiso coa mediación con case 125.000 euros.  

Por unha banda, o vicepresidente primeiro asinou co presidente do Consello Galego dos Procuradores, José Antonio Fandiño, un acordo para a colaboración en materia de mediación no ámbito civil e mercantil dotado con 15.000 euros. O obxectivo é potenciar a mediación como modalidade alternativa de solución de conflitos no ámbito empresarial. Ademais do aboamento das mediacións, o convenio inclúe o compromiso por parte do Consello Galego dos Procuradores de impartir formación específica na materia.

Por outra parte, o presidente do Ilustre Colexio de Avogados da Coruña, Augusto José Pérez-Cepeda, formalizou un convenio coa Xunta para o desenvolvemento do programa experimental de mediación no ámbito penal, no que o Goberno galego achega 10.000 euros. 

Búscase así establecer mecanismos de colaboración cos operadores xurídicos, intervir en conflitos xudiciais a través da mediación penal e da xustiza restaurativa como instrumento de resolución pacífica e facer que a vítima sexa protagonista do procedemento penal e do xeito de resolvelo, entre outros obxectivos.

A iniciativa responde á aposta do Goberno galego por facilitarlle á cidadanía solucións idóneas na resolución de controversias tanto no eido intraxudicial como extraxudicial. Para acadar este obxectivo é fundamental a coordinación entre institucións, así como o compromiso dos profesionais da Administración de xustiza como membros da carreira xudicial, fiscais, letrados, avogados e procuradores.  

Asistencia xurídica gratuíta

Outro dos convenios asinados hoxe co Consello Galego dos Procuradores por importe de 50.000 euros vai destinado a compensar os profesionais da procuradoría designados en virtude de requirimento xudicial. Garántese así a prestación do servizo nos procedementos penais cuxas persoas defendidas, sexan físicas ou xurídicas, reúnan certos requisitos, como ter denegado o dereito de asistencia xurídica gratuíta por diferentes causas, desde defectos de forma na solicitude ata carecer de recursos ou de patrimonio para facer fronte aos custos.  

Esta cooperación súmase á xa acordada co Consello Galego da Avogacía na mesma liña. O compromiso da Xunta coa asistencia xurídica gratuíta tradúcese nun investimento que supera os 164,4 millóns de euros desde 2009. Cómpre sinalar tamén que a comunidade galega é unha das que mellor retribúe os profesionais da quenda de oficio conforme ao baremo consensuado en 2021 co Consello Galego da Avogacía e o Consello Galego dos Procuradores e vixente ata 2025 grazas á suba dun 15% nos baremos pactados.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2023