A Xunta amosa o seu compromiso co emprendemento e co emprego feminino para a consolidación das mulleres no ámbito profesional e social

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, asistiu a esta mañá ao VII Congreso Empresarial Acción e Implicación, organizado por Empresarias Galicia

Alí, puxo en valor medidas novas como o plan de promoción do emprego feminino en sectores masculinizados ou a ‘Cota cero‘ para autónomos, e outras afianzadas como o programa Emega

Vigo, 24 de outubro de 2023 A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, acompañada da delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou esta mañá no VII Congreso Empresarial Acción e Implicación, organizado por Empresarias Galicia. Alí, puxo en valor o novo plan de promoción do emprego feminino en sectores masculinizados que se porá en marcha ao abeiro dos orzamentos do ano que vén, entre outras medidas de apoio para a consolidación das mulleres no ámbito profesional e social.

En concreto, Sandra Vázquez destacou que se dedicarán 2,25 millóns de euros da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade a esta nova liña de actuación para fomentar a presenza feminina en profesións masculinizadas, co obxectivo de formar e contratar unhas 300 mulleres. Fíxoo ante representantes do mundo empresarial e do emprendemento, así como de diferentes organismos, aos que chamou a implicarse á hora de rachar estereotipos.  

Segundo a secretaria xeral, esta iniciativa súmase a outras xa consolidadas como o programa Emega de impulso do emprendemento e do emprego feminino, que suma xa 27 anos de traxectoria e que este ano contou con máis de 4,8 millóns de euros, para avanzar tamén en medidas de conciliación.

Na súa intervención, Sandra Vázquez tamén quixo facer mención á recén anunciada ‘Cota cero’ para todas as persoas que inicien a súa actividade como autónomas o vindeiro ano, subvencionándoselles o 100 % das cotizacións dos primeiros 12 meses. Unha medida de apoio que deu a coñecer onte o presidente da Xunta e que de seguro -segundo a secretaria xeral- incidirá de xeito importante no pulo ao emprendemento feminino. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/10/2023