Diego Calvo pon en valor a situación de estabilidade de Galicia que permite aprobar os orzamentos da Xunta en tempo e forma para apoiar as empresas e as familias

O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes destacou nun coloquio organizado polo Círculo de Empresarios de Vigo as medidas do Goberno galego para axilizar a tramitación de proxectos industriais estratéxicos co obxectivo de xerar emprego e favorecer o crecemento económico

Vigo, 23 de outubro de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou o importante papel do tecido empresarial para xerar emprego e favorecer o crecemento económico na comunidade galega e puxo en valor a estabilidade que ofrece Galicia para xerar confianza aos inversores. Así o expuxo hoxe en Vigo na súa intervención no xantar-coloquio organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia, no que lembrou ante os asistentes ao acto o esforzo realizado durante a pandemia da covid ou o actual contexto internacional marcado pola inflación.

Pese ás dificultades animou ao empresariado ao optimismo ante os retos futuros tendo en conta que os datos reflicten a recuperación do nivel de PIB prepandemia ou un novo récord de exportacións no primeiro semestre. Por iso, resaltou que Galicia é “unha illa de estabilidade” que -sinalou- aproba os orzamentos anuais en tempo e forma fronte á inestabilidade e as incertezas a nivel estatal. Nesta liña, pediu ao empresariado que, ao igual que a Xunta, reclame ao Goberno central as infraestruturas que precisa a comunidade, como a conexión da alta velocidade con Portugal, e nas que Vigo xoga un importante papel coa inclusión no plan do corredor atlántico do porto e do impulso á saída sur.

Tamén lles pediu colaboración para esixir ao Executivo estatal que os fondos europeos que están sen adxudicar cheguen canto antes ás empresas galegas e poidan desenvolverse grandes proxectos estratéxicos. Lembrou que Galicia, pola contra, vén executando con dilixencia os fondos recibidos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

Na súa intervención, Diego Calvo incidiu en que na senda de estabilidade na que traballa a Xunta, as contas autonómicas para 2024, entre outras medidas, inclúen novas rebaixas de impostos -na compra de inmobles e vehículos usados- e apostan pola axilidade e a simplificación administrativa. Trátase precisamente de axudar ás empresas a tramitar os seus proxectos industriais estratéxicos nun prazo máximo dun ano sempre que cumpran determinados requisitos

Ademais de apoiar os investimentos na comunidade, os orzamentos de 2024 -engadiu o vicepresidente primeiro- supoñen un revulsivo para as familias con máximo histórico en gasto social e medidas novidosas como o bono universal de 5.000 euros para as persoas con dependencia atendidas nos seus fogares ou o Bono Deporte de 120 euros co que sufragar os gastos deportivos de nenos e nenas de 6 a 16 anos que practican algún deporte de forma federada ou estean inscritos no programa Xogade.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/10/2023