A conselleira de Infraestruturas, xunto coa delegada da Xunta, Martina Aneiros, abordou hoxe co presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Francisco Barea, e co alcalde, José Manuel Rey, os proxectos comúns de mobilidade sostible no bordo litoral da cidade

Ethel Vázquez destaca que os orzamentos da Xunta para 2024 reservan 4,1 M€ para avanzar na humanización da fachada marítima e nos proxectos destinados a “abrir Ferrol ao mar”

Vázquez Mourelle destaca que as obras impulsadas en colaboración coa Autoridade Portuaria representan a 1ª fase do proxecto “Abrir Ferrol ao Mar” que a Xunta continuará a desenvolver co Concello

Na primeira metade de 2024 poranse en servizo a reforma da Estrada Baixa do Porto e a 1ª fase do aparcadoiro norte da parcela 8

Nos vindeiros meses comezará a prolongación do carril bici pola dársena de Curuxeiras e o aparcadoiro dos peiraos interiores ata completar un investimento de 4,6 M€, dos que 3,8 M€ son achegados pola Xunta

A conselleira subliña os 2,6 M€ recollidos nos Orzamentos de 2024 para estas obras que suporán un itinerario peonil e ciclista continuo desde A Malata ata a dársena de Curuxeiras e 2 aparcadoiros disuasorios con 141 prazas

Ferrol, 23 de outubro de 2023 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe que os Orzamentos da Xunta para 2024 reservan unha partida de 4,1 M€ para avanzar na humanización da fachada marítima e nos proxectos destinados a “abrir Ferrol ao mar”.

Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse hoxe ata a sede da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao para abordar co seu Presidente, Francisco Barea, e co alcalde, José Manuel Rey, os avances no proxecto común de impulso da mobilidade sostible no bordo litoral da cidade.

A conselleira explicou as novas iniciativas da Xunta que se impulsarán ao amparo dos Orzamentos de 2024, no marco desta visita, na que tamén supervisou as actuacións xa en marcha, de reforma da Estrada Baixa do Porto e da 1ª fase do aparcadoiro norte da parcela 8. Estas dúas actuacións, que suman un investimento de máis de 2,6 M€ na humanización e integración urbana da zona portuaria de Ferrol, poñeranse ao servizo dos ferroláns na primeira metade de 2024.

Tal e como explicou Ethel Vázquez estas dúas intervencións completaranse coa prolongación do carril bici pola dársena de Curuxeiras e co aparcadoiro dos peiraos interiores, que comezará en canto se derruben as naves previstas, ata completar un investimento de 4,6 M€, dos cales 3,8 M€ son achegados pola Xunta.

Tal e como subliñou a conselleira, os Orzamentos para 2024 que se veñen de remitir ao Parlamento, recollen unha partida de 2,6 M€ para completar o financiamento deste conxunto de actuacións que se están a impulsar no marco do convenio asinado entre a Xunta e a Autoridade Portuaria. O obxectivo é habilitar un itinerario peonil e ciclista continuo desde A Malata ata a dársena de Curuxeiras, pasando pola Estrada Baixa do Porto e creando espazos públicos seguros e preparados para a mobilidade sostible, coa execución de 2 aparcadoiros disuasorios cun total de 141 prazas distribuídas en zonas estratéxicas, para tratar de diminuír o acceso ao núcleo urbano da cidade en vehículo particular.

Estas obras forman parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE.

Estas obras que a Xunta está a desenvolver na fachada marítima en colaboración co Porto, explicou a conselleira, representan a primeira fase da iniciativa “Abrir Ferrol ao mar” que o Goberno galego continuará a desenvolver co Concello.

A este respecto, afirmou a vontade manifestada nos Orzamento de 2024 de seguir traballando nesta dirección a través dunha colaboración co Concello para desenvolver ese proxecto de “Abrir Ferrol ao Mar”, cun investimento da Xunta de 1,5 M€ en 2024 que aumentará nos seguintes exercicios.

Dese modo, tal e como indicou a conselleira, as contas do vindeiro ano prevén o investimento de máis de 4 M€ anos en proxectos destinados a humanización e posta en valor da fachada marítima de Ferrol e a optimizar a súa relación entre a cidade e o mar.

Ethel Vázquez incidiu en que tamén se seguirá a avanzar no gran proxecto de renovación e ampliación do Hospital Arquitecto Marcide, grazas a un investimento de 19 M€.

Apuntou á execución do aparcadoiro disuasorio de San Xoán, ao tempo que se avanzará nos compromisos coa mellora da rede viaria de comunicación coa comarca de Ortegal.

A conselleira destacou que os Orzamentos para 2024 plasman tamén a vontade do Executivo autonómico de cumprir o compromiso coa dotación de saneamento aos núcleos rurais de Ferrol, cun investimento total de 12,4 M€, ademais de culminar o colector pendente do río Sardiña.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/10/2023