A Xunta convoca o 6 de novembro as probas para obter ou renovar o certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada ou ferrocarril
Os exames terán lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) entre as 16 e as 19 horas
Celebraranse probas válidas para todas as clases de transporte, e especializadas en diferentes mercadorías: explosivos, gases, materias radioactivas, sólidas ou líquidas
A Directiva europea 2008/68/CE establece que as empresas de transportes de mercadorías perigosas designen conselleiros coa formación axeitada e o procedemento de avaliación correspondente
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para o vindeiro 6 de novembro, das probas de obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril.
Estes exames terán lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela, no horario comprendido entre as 16 horas e as 19 horas.
No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información, consultando o horario previsto para a realización da proba de cada modalidade de transporte contemplada: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231023/AnuncioG0533-131023-0001_gl.html
Nesta xornada efectuaranse probas válidas para todas as clases de transporte, e especializadas segundo o tipo de mercadorías: explosivos, gases, materias radioactivas, sólidas e líquidas ou líquidas inflamables, entre outras.
A proba constará de dous exercicios: o primeiro, 50 preguntas tipo test; o segundo, sobre supostos sobre as tarefas do conselleiro, con referencia ao modo do transporte e á especialidade correspondente.
No caso de renovación do citado certificado, os aspirantes deberán responder a 50 preguntas tipo test.
Cómpre lembrar que a Directiva europea 2008/68/CE, exíxelles ás empresas destas materias respectar as regras en prevención, polo que deben designar conselleiros que posúan unha formación profesional adecuada.
Pola súa parte, o Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro, regula a obriga destas empresas a designar conselleiros coa cualificación profesional exixida e o procedemento de avaliación da formación requirida.